A Universidade de Vigo logrou repetir título, por segundo ano consecutivo, no Campionato de España Universitario, celebrado o pasado fin de semana en Madrid. Finalmente os taekwondistas galegos lograron once medallas (cinco ouros, dúas pratas e catro bronces).
Os deportistas que representaban á Universidade de Vigo renderon a un altísimo nivel e así lograron acadar o título de campión, igual que o fixeran o ano pasado. En total conseguiron cinco medallas: tres ouros,unha prata e un bronce. Katia Calvar (-57 quilogramos) logrou a medalla de ouro e garante a súa presenza no Mundial Universitario (tamén foi subcampioa de España sénior). Ademais, fixeron o mesmo Borja Ríos (-63) e Laura Lorenzo (-46), que lograron a medalla de ouro. No caso destes deportistas parece case confirmada a súa presenza no Mundial Universitario, a espera de ser oficial, xa que ademais do título universitario lograron medallas no campionato de España sénior. Tamén representando á Universidade de Vigo, Lara Ouviña (-62) logrou a medalla de prata. E na última completou o botín Miriam Docampo (-49 quilogramos), que conseguiu unha medalla de bronce para Vigo.
Pola súa banda, a Universidade da Coruña logrou un total de dúas medallas (1 ouro e 1 bronce). Sabela Lonja, en -73 quilogramos, conseguiu proclamarse campioa de España Universitaria, mentres que Javier Sieira (-84) conseguiu a medalla de bronce.
A Universidade de Santiago de Compostela tamén logrou unha presea grazas a Eugenio Barral (+87 quilogramos), que foi quen de conseguir un bronce no peso pesado. Ademais, temos que destacar resultados doutros galegos que non competiron nas universidades galegas. Pola UNED estaban en Madrid dous galegos, e iso a pesar das baixas de última hora de José Fernández e Lúa Piñeiro (concentrados coa selección española pola disputa do Europeo a próxima semana). E os dous representantes galegos da Universidade a Distancia realizaron un gran papel: Fernando Rascado (-80) logrou a medalla de ouro mentres que Juan Fernández foi prata en -58 quilogramos. E xa para rematar, destacar o bronce de Cristina Leboreiro (-62 quilogramos), que acudiu a este campionato en representación da Universidade Francisco de Vitoria, de Madrid.