Deportes Vigo al minuto

Arranca el XII Torneo de Minibásquet organizado por Seis do Nadal-Coia

O Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia non para e organiza nesta ponte de maio o 12º Torneo Internacional de Minibásquet “Coia, Núcleo de Baloncesto en Vigo”. Esta é unha cita anual da entidade coas categorías inferiores que se celebrará os días 29 de abril (torneo feminino) e 1 de maio (torneo masculino).

Este evento reunirá ás mellores canteiras do baloncesto de Galicia e de Portugal, xuntando a máis de 400 deportistas e preto de 40 ténicos na Polideportiva de Balaídos, contando cun total de catro pistas nas que se disputarán 42 encontros ao longo das dúas xornadas.

Serán 24 equipos que participarán na competición, unha ducia en categoría feminina competindo o domingo 29, e o mesmo número na masculina para o festivo do martes día 1 de maio. Ambas categorías terán como marco dos encontros, un ano máis, os Baixos do Estadio Municipal de Balaídos.

Os clubs que participarán no torneo con dous equipos, un masculino e outro feminino, son o anfitrión Seis do Nadal, o Colexio Salesianos (Vigo), o Porriño Baloncesto Base, o Marín Peixegalego, o Pío XII (Santiago de Compostela), o Baiona e o Básquet de Leça (Portugal). O cartel feminino será completado polo Celta Bosco (Vigo), Arxil (Pontevedra), Cluny (Santiago de Compostela) e Carmelitas (Ourense). Os equipos O Meco (O Grove), Básquet Coruña, COB Ourense e o Beira-Mar Básquet (Portugal) pechan o cadro masculino.

Os doce equipos que participarán nesta nova edición en cada categoría buscarán revalidar os dous títulos que xa posúen o Carmelitas de Ourense e o FC Porto, campións feminino e masculino da pasada edición. Ademais a meirande parte dos equipos galegos terán a oportunidade de preparar a súa participación na Liga FGB de Minibásquet que comeza a fin de semana do 5 e 6 de maio.

 

También te puede interesar