Vigo al minuto

A CIG convoca unha protesta en Povisa con motivo do Día da Muller Traballadora

A Secretaría da Muller da CIG de Vigo decidiu conmemorar este 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, cunha concentración diante de Povisa para protestar polas coaccións e extorsións” que padece o persoal do hospital privado, formado maioritariamente por mulleres. Con este acto, que se desenvolverá a partir das 12.00 horas, tamén se pretende denunciar a “actitude antisindical e represiva” da dirección do centro médico e a perda progresiva de calidade asistencial.

Os detalles da mobilización convocada pola CIG en Vigo con motivo do Día da Muller Traballadora foron presentados en rolda de prensa pola secretaria comarcal de Muller e Mocidade, Consuelo Martínez, e polo secretario comarcal da CIG-Saúde, Antonio Iglesias. A secretaria de Muller incidiu en que a intención do acto é reclamar máis democracia interna en Povisa, un maior respecto á actividade sindical e o mantemento da calidade asistencial. O feito de que se teña escollido o centro médico vigués responde a que conta cun cadro de persoal maioritariamente feminino xa que dos seus 1.600 empregados, arredor dun 80% son mulleres.

Deste xeito, “elas son as principais afectadas pola política de abusos e persecución que practica a empresa” e que, engade a central,  se intensificaron a raíz da folga convocada durante a negociación do convenio colectivo en 2009. “A convocatoria de folga supuxo o meu despedimento, e a partir de entón a empresa ten vía libre”, explica Martínez. Pouco despois 13 traballadores de arquivo rematan na rúa e posteriormente comezan as coaccións ás integrantes do servizo de limpeza para que accedan a reducir xornada e salario. “Con todo, despiden a 27 persoas e deixan o servizo en mans dunha contrata que cobre o traballo con 15 empregados a tempo parcial”. Outros colectivos que están a ver empeorar as súas condicións laborais son o de auxiliares de enfermería e o de celadores.

Segundo a central nacionalista, “esta precarización das condicións laborais tradúcese nunha perda progresiva da calidade asistencia”, polo que lle esixen ao Sergas que investigue se os cartos do concerto co centro privado se destinan a investimentos “ou só a engordar o peto do empresario, tal e como indica o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo. Neste senso, pregúntanse se esta permisividade da Xunta con Povisa non terá que ver co feito de que a actual conselleira de Sanidade fose con anterioridade xerente no hospital compostelán Nuestra Señora de la Esperanza, pertencente ao grupo Povisa.

Así mesmo, sosteñen que o anuncio feito pola empresa con respecto ao proxecto de ampliación do centro “amosa que non existían causas económicas para os despedimentos e que coas rescisións de contrato só pretenden precarizar as condicións de traballo e cubrir as mesmas funcións con moito menos persoal”. Finalmente, reclámanlle á Administración que facilite os datos da evolución das infeccións hospitalarias dende que Povisa comezou a precarizar as condición laborais.

 

También te puede interesar