RGPD - Cookies
Ciencia y Tecnología Galicia

Expertos en Internet ‘péchanse’ en San Simón no segundo #NeThinking

A Xunta reunirá os vindeiros 7 e 8 de marzo a expertos nas redes sociais e activos blogueiros na Illa de San Simón, no marco do segundo encontro #NeThinking,  para analizar a revolución de internet e os desafíos que a rede implica como plataforma de comunicación e relacións sociais. Desta forma dase continuidade ao proxecto da Illa do Pensamento, un espazo para o debate, a reflexión e a creatividade no marco do arquipélago vigués.

Destacados comunicadores como Antón Losada e Carmela Ríos, cineastas como Nacho Vigalondo e músicos como Julián Hernández, achegarán ao encontro as súas visións sobre os efectos no modo de comunicar que supón a rede, desde os seus respectivos sectores. Participarán tamén en #NeThinking referentes no panorama nacional pola notoriedade das súas bitácoras e pola súa actividade en redes como Twitter ou Facebook, como o xornalista e experto en redes sociais Nacho de la Fuente – coordinador do encontro-, ou os recoñecidos blogueiros José Jiménez Moltó (Kurioso) e Javier Pedreira (Wicho). Ademais o encontro contará coa participación virtual da recoñecida blogueira cubana Yoani Sánchez.

Ademais, exporán as súas experiencias en #NeThinking editores de medios dixitais e expertos en redes sociais como Javier Celaya, Ismael El-Qudsi, Juanjo Amorín, Marilin Gonzalo ou Eduardo Arcos; consultores como Elena Gómez del Pozuelo, Mario Tascón e Antonio Delgado; e expertos en comunicación de diferentes universidades galegas como Francisco Campos, Xosé López, Manuel Gago ou Valentín Alejandro Martínez.

O grupo de participantes destaca non só pola súa formación e experiencia en comunicación mediante novos soportes, senón tamén pola diversidade das súas frontes de actuación e pola súa intensa actividade en redes sociais, que os ten convertido en referentes a nivel nacional. De feito, entre os 19 asistentes suman máis de un millón e medio de seguidores en Twitter.

O encontro deseñouse en bloques temáticos nos que se analizarán desde o mapa de redes e as estratexias para a súa utilización, a seguridade informática, os modelos de negocio, a fragmentación e saturación de contidos, a transformación do fan en follower, os novos modelos de comunicación propiciados polos novos soportes e, en definitiva, o presente e o futuro da internet como plataforma que ten revolucionado tanto a comunicación como as relacións sociais.

Participación cidadá

O segundo encontro #NeThinking estará, do mesmo xeito que o pasado ano, aberto a todas as cidadás e cidadáns que queiran participar nel, seguindo as sesións a través de Twitter – mediante o hastag #NeThinking – ou a través da retransmisión íntegra das mesmas que se realizará por streaming na canle San Simón TV, á que se pode acceder na web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org).

Non en balde, o encontro  foi deseñado para contar coa participación directa de cantos desexen realizar achegas ou lanzar preguntas aos participantes a través de Twitter. Tamén se pode participar a nivel virtual enviando propostas vía mail a [email protected]

 

También te puede interesar