Deportes

Galicia, campiona de España de Taekwondo en categoría masculina, feminina e absoluta

Galicia fixo pleno no Campionato de España sénior de combate ao proclamarse campioa de España por equipos na  categoría masculina, feminina e tamén na xeral. A selección galega acadou 13 medallas (3 ouros, 5 pratas e 5 bronces) no Campionato de España, que tivo lugar este domingo en Alacante.

Galicia acudía a esta cita cun equipo moi competitivo a pesar da súa xuventude e que aspiraba a ocupar os primeiros postos en case todas as categorías. E a verdade é que non defraudou logrando meterse en  seis finais, das cales dúas eran totalmente galegas. Ademais mellorou  os resultados do pasado ano.

Dos tres ouros hai que destacar que houbo dúas finais galegas, unha delas que leva repetíndose tres anos consecutivos, aínda que con

resultados alternativos. Na categoría feminina no peso de -57, repetiron final Andrea Rica (Tao) e Katia Calvar (Mat´s) e nesta

oportunidade impúxose a más veterana, a viguesa Andrea Rica. Pero coma sempre este combate foi moi apertado e só se decidiu no punto  de ouro, tras finalizar os tres asaltos con empate (1-1). Antes, en  semifinais, Andrea gañou a Ana Casabela (Catalunya) por un

resultado de 1-4, e a Marta Calvo (Madrid) en cuartos (3-10). Pola  súa banda, Katia superou en cuartos á andaluza Yaika Soiza (4-1) enas semis á madrileña Libertad Durán (10-2).

Na outra final galega, enfrontáronse Juan Fernández (Natural Sport) e Darío González (As Sport) en -58 quilogramos con vitoria do primeiro. Para chegar a final, ambos mantiveron un percorrido  duro, pero con triunfos bastantes claros. Juan comezou o campionato  en primeira rolda contra Mario Mascuñano (Aragón) ao que superou  por un rotundo 5-0. En cuartos deixo atrás a Sergio Fernández  (Navarra) por 3-7 e na semifinal gañou ao madrileño Iván Robledo (7-5). Pola súa banda, Darío gañou en preliminares a Daniel Martínez  (Catalunya) por 2-6; en cuartos venceu a Rubén Martínez (Valencia)  por 7-12 e nas semifinais ao balear Guillermo Fernández (10-14).

O terceiro ouro foi para José Fernández (Natural Sport) en -68  quilogramos, tras superar na final ao valenciano Alberto Sandiego por

un amplo resultado (12-6). O galego comezou a súa andaina no  torneo contra Pablo Carro (Euskadi) ao que deixou atrás con certa

facilidade (10-5). Pero en cuartos de final sufriu e moito para superar  a César Mari Puerta -bronce na última Universiada-, tras chegar ao  final do combate con empate no marcador (5-5) e decidirse a vitoria  no punto de ouro a favor do galego. En semis eliminou ao medallista  mundial xúnior Daniel Quesada (4-5) para plantarse na final, onde  seguiu a boa racha.

E houbo tres finais máis con presenza galega. En -74 quilogramos,  Raul Bouzas (Olimpic) acadou a medalla de prata, tras perder nunha  competidísima final contra o valenciano Raul Martínez (7-4). Este  enfrontamento entre dous campións de Europa repítese case cada  ano e sempre cun bo espectáculo no tapiz. Na semifinal superou a  Manuel Beloqui (Madrid) por un resultado de 10-12 e en cuartos, ao  catalán Alex Quesada (6-11).

E xa na categoría feminina houbo dúas pratas máis; é dicir outras  finais con presenza galega. Laura Lorenzo, en -46 quilogramos,

logrou a medalla de prata, tras caer na final contra a subcampioa de  Europa Elaia Torrontegui (Euskadi) por 8-1. Nas semis, a deportista  do Tao superou a Silvia Pellicer (Valencia) por 8-9; en cuartos gaña á  catalá Sara Declara (6-5) e na primeira rolda enfrontouse á vasca  Vanesa Castro e precisamente foi onde máis sufriu, ao ter que  decidirse o combate no punto de ouro (8-8).

No peso -49 quilogramos feminino, outra prata para Galicia, da man de Miriam Docampo (As Sport), que na final perdeu ante á catalá

Mireia Rivera (3-15). Antes, deixou polo camiño a Elena Gomis  (Valencia) en cuartos por 8-6 e nas semis superou a Ana de la Fuente

(Madrid) no punto de ouro, tras chegar ao final do combate con  empate (5-5).  E aínda hai máis preseas galegas: 5 bronces. Cristóbal Amoedo  (Taebek), en +87 quilogramos, perdeu nas semifinais contra Mikel  bernal (Euskadi) e non puido loitar polo ouro. Antes gañou en  preliminares a Juan Vicente Benlloch (Valencia) por 3-4 e en cuartos  ao madrileño Adrián Cabo por 4-1.

Francisco Padín (-63 quilogramos, Olimpic) logrou o bronce tras  gañar a Salvador de la Cruz (Castela a Mancha) por 4-15 e a José

Luis Méndez –subcampión da Copa do Mundo- (Baleares) no punto de  ouro (6-6). Nas semifinais caeu fronte a Javier Marrón (Catalunya)  por 9-15.

E as chicas lograron tres bronces máis, dous deles no peso de -73  quilogramos. Sabela Lonja (Natural Sport) e Sara Baños (As Spot)

ocuparon xuntas o terceiro chanzo do podio. Sabela gañou en cuartos  a Cristina Aullo (Valencia) por 15-12 e perdeu en semifinais contra  Elena Gómez (Catalá) por 12-4. Pola súa banda, Sara superou en  cuartos á catalá Silvia Casado (7-11) e perdeu fronte a Noelia Ruiz  (Madrid) por 8-1.  E xa para rematar, o bronce de Lúa Piñeiro (Olimpic) en -67  quilogramos. Gañou en cuartos a Megan Irureta (Euskadi) por 14-4 e  perdeu en semifinais contra a catalá Tamara Willems (3-6).

Con todas estas medallas, Galicia proclamouse campioa de España  por equipos e iso a pesar de que tres dos competidores galegos non  tiveron precisamente sorte. A Fernando Rascado non se lle admitiu  unha reclamación dun golpe na cabeza a pesar do vídeo replay,  porque para os árbitros había dúbidas e ademais, José Antonio  Andrade competiu cun peto defectuoso (no seu rival) que non  marcaba os golpes. Posteriormente, este peto foi retirado, pero o  galego resultou prexudicado, xa que claros golpes non foron contabilizados. E no caso de Pablo Carou, reclamou que a mesa non  contabilizara unha amoestación ao seu rival que fora sinalada polo  árbitros. O galego solicitaba que se comprobara o vídeo replay, pero  non foi aceptada a súa petición.  Ademais, hai que destacar o ouro do galega Rebeca Mariño que  nestes momentos está competindo pola Federación Balear, xa que  está vivindo alí.

 

También te puede interesar