Vigo al minuto

Os traballadores de Vulcano seguen pechados no estaleiro

Os traballadores do estaleiro vigués Vulcano iniciaron este xoves un peche no interior das instalacións que manterán até que se coñeza se a sociedade Pequeños y Medianos Astilleros en Reconversión (Pymar) acepta a quita do 80% das débedas do estaleiro. O encerro manterase mentres o comité de empresa non regrese de Madrid coa resolución do consello de Pymar.

O anuncio foi feito hoxe en rolda de prensa polos representantes dos traballadores do estaleiro situado no barrio vigués de Teis. O peche iniciouse despois de que varios centos de empregados de Vulcano e de distintas empresas auxiliares do naval da Ría de Vigo, convocados pola CIG,  percorresen en manifestación a rúa Sanjurjo Badía. Ao remate da mobilización, que se desenvolveu entre as 11.00 e as 12.00 horas, os afectados decidiron pecharse nas instalacións até que non se coñeza a resolución do consello de Pymar sobre a quita do 80% da débeda contraida polo estaleiro con distintos acredores (cifrada en 195 millóns).

O comité de empresa desprazarase até Madrid esta mesma noite xunto con representantes sindicais para coñecer de primeira man a decisión da que depende o futuro do estaleiro. A xuntanza do consello de Pymar está prevista para as 09.30 horas deste venres e a intención dos representantes dos traballadores é trasladarlle o que se decida nela nunha asemblea que se celebrará nas instalacións de Vulcano pola noite.

 

También te puede interesar