Comarcas Galicia

O IES Pazo da Mercé de As Neves, sen orientador nen personal no departamento de Informática

O director do Instituto de Ensimo Secundario Pazo da Mercé de As Neves, ven de denunciar a supresión de varios postos no mencionado centro que, segundo subliña nunha nota, veñen de agravar a situación do mesmo, en especial a atención que recibe o alumnado. Concretamente, indica, “a Consellería recurtou dous profesores no noso centro: a praza da orientadora e unha do departamento de informática”; a supresión da praza de orientación, “cuxas funcións non poden ser asumidas por outro profesor”, implica a imposibilidade de atender axeitadamente ao alumnado con máis necesidades educativas que é o que máis o necesita, e “fai imposible orientar ás familias nos estudos dos seus fillos”.

Emilio Romero asegura que, despois de numerosas xestións dos sindicatos na xunta de persoal diante do Xefe Territorial e do Inspector Xefe, xuntanza celebrada o día 8 deste mes, na que se chegou ao acordo de informar favorablemente a cubrir parcialmente a praza de orientación, facer un informe desde a inspección para valorar a situación da masificación do ciclo de informática, “as prazas seguen sen cubrirse e desde a Consellería seguen dando o silencio como resposta”.

Romero concreta que a situación pola ausencia de un orientador a tempo completo vense agravando” xa que acabamos de facer a avaliación inicial do alumnado, avaliación que dá ao profesorado as pautas a seguir durante o curso, na que se detectan as carencias máis importantes do alumnado e se acordan medidas de reforzo ou de atención especiais”; debido á ausencia de unha persoa de orientación a tempo completo, esta avaliación quedou reducida drasticamente.

“Dáse a circunstancia de que a Consellaría pretende que a actual xefa de estudos, cunha carga de traballo importante polo seu cargo directivo, desempeñe eses labores no tempo”, asegura o director quen denuncia que esta situación que non se dá en ningún outro centro onde, independentemente do seu tamaño, tal como marca a lexislación, existe unha praza de orientación.

Doutra banda, a supresión da praza que se lle viña asignando ao departamento de informática, “implica en primeiro lugar a masificación nas aulas prácticas do ciclo formativo, que en primeiro conta con trinta alumnos (o máximo permitido)” e non se poden desdobrar para facer prácticas como ocorre noutros centros. Asemade tamén implica a “imposibilidade de manter o funcionamento correcto das aulas con ordenadores, algo polo que se destacou o noso centro nos últimos anos”.

Por último, a comunidade educativa do IES Pazo da Mercé, advirte que “de non solucionarse este problema nos próximos días, vaise propor unha serie de mobilizacións” e a iniciar unha nova serie de contactos: con representantes parlamentarios, cos sindicatos, cos movementos de renovación pedagóxica e concellos para “denunciar esta situación, que discrimina e perxudica ao noso alumnado”.


 

También te puede interesar