RGPD - Cookies
Cultura

Aberta a matrícula para os cursos de adultos no MARCO

Dende o martes 13 de setembro, está aberto o prazo de matrícula para os cursos de adultos, que terán lugar no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) nesta nova tempada 2011-2012, destinados a persoas interesadas en coñecer de primeira man os principais movementos e autores da historia da arte contemporánea.

Nesta edición o MARCO ofrece dous cursos que se desenvolverán dende outubro ata maio: ‘Unha aproximación á historia da arquitectura contemporánea’ —impartido por Ana Pereira, que realiza un percorrido pola historia da arquitectura dos séculos XX e XXI— e unha proposta de Juan de Nieves, que leva por título ‘Produción artística e cultural dende 1968 ata os nosos días’, no que, mediante un formato de sesións monográficas ou temáticas, se analizan aspectos esenciais da arte producida nas últimas catro décadas.

A matrícula dos cursos pecharase unha vez cubertas todas as prazas. Tanto os programas detallados como as fichas de inscrición, están dispoñibles na taquilla do MARCO (en horario de 11.00 a 21.00 de martes a sábados, e de 11.00 a 15.00 os domingos) e no apartado ‘Actividades’ da web www.marcovigo.com

Para esta edición dos cursos, e no marco do convenio asinado pola Universidade de Vigo e a Fundación MARCO, está en marcha a solicitude para a concesión de créditos de libre elección para alumnado da Universidade de Vigo.

‘Unha aproximación á historia da arquitectura contemporánea’

Percorrido pola historia da arquitectura dos séculos XX e XXI. Docente: Ana Pereira Molares, coa participación de relatores externos nalgunhas das sesións. Datas: do 19 de outubro de 2011 ao 2 de maio de 2012. Lugar: salón de actos. Horario: mércores, de 19.30 a 21.00 h.

‘Produción artística e cultural dende 1968 ata os nosos días’

Análise da arte producida nas últimas catro décadas. Docente: Juan de Nieves, coa participación de relatores externos nalgunhas das sesións. Datas: do 27 de outubro de 2011 ao 10 de maio de 2012. Lugar: salón de actos. Horario: xoves, de 19.30 a 21.00 h.


 

También te puede interesar