Cultura Vigo al minuto

Enxeñeiros vigueses deseñan un patín eléctrico máis lixeiro e compacto

Duvi/ Os vehículos eléctricos representan na actualidade unha alternativa real na redución de gases contaminantes, polución sonora, conxestión de tráfico… Neste contexto as bicicletas, patíns e cadeiras de rodas eléctricas albíscanse como boas opcións de transporte unipersoal, “sempre e cando ofrezan ao usuario a máxima autonomía, é dicir, mínimo consumo e mantemento, e flexibilidade de desprazamento”. Así o explican dende o Departamento de Enxeñaría Eléctrica, Xosé Manuel López Fernández e Pablo Pais Fajín, profesor e alumno encargados do deseño, cálculo, construción e montaxe dun prototipo de vehículo eléctrico de transporte unipersoal de tracción directa sen engrenaxes, baseado en motores de imáns permanentes.

A principal vantaxe deste prototipo radica no feito de que mellora as prestacións dos clásicos motores de corrente continua, alimentados a partir de baterías convencionais a base de chumbo/acedo ou de níquel/cadmio. “Esta solución clásica foi sempre superada polo motor de combustión, máis económico e con mellores prestacións”, subliña López Fernández, ao tempo que explica que os elementos clave dun vehículo eléctrico son tres: o sistema de transmisión, o de alimentación eléctrica e o de control. “A combinación destes tres elementos debe conseguir que o usuario teña as máximas facilidades tanto de desprazamento como de mantemento”, recalca o profesor vigués.

Área de traballo con dobre finalidade

O feito de non levar engrenaxes permite que este tipo de motor empregado no prototipo sexan menos pesados, máis compactos e con moito menor mantemento, debido a que, entre outros aspectos, coa tracción directa a velocidade do motor é a da propia roda, desaparece practicamente o ruído mecánico da transmisión, o acoplamento directo entre a carga e o motor elimina problemas de resonancia e estrés dos elementos mecánicos. “Ademais, desaparece todo tipo de fricción na transferencia do par de tracción á roda e, por tanto, consume menos enerxía”, recalcan os investigadores, que fan tamén fincapé en que se reducen os picos de consumo durante o arranque.

Este tipo de traballo ten desde o punto de vista destes investigadores unha dobre finalidade: dunha banda, ofrecer a posibilidade aos futuros enxeñeiros de afondar nos coñecementos dunha temática que xa está a concentrar unha alta porcentaxe da actividade económica mundial e pola que se está apostando como área prioritaria nos países desenvoltos e, pola outra, concienciar aos axentes sociais e empresariais “de que é unha alternativa factible ao noso alcance, como opción económica estratéxica na que se debería involucrar a nosa mediana empresa”, subliñou o director do proxecto.

También te puede interesar