Destacados Vigo al minuto

A trata de persoas débese controlar dende os países de procedencia

Duvi/ A trata de seres humanos está considerada como a forma de escravitude do século XXI, ademais de ser a terceira fonte mundial ilegal de ingresos, segundo recolle o informe de Nacións Unidas sobre o Crime Organizado . En España, o fenómeno maioritario é a trata de explotación sexual. Así o confirmou Isabel Valldecabres, asesora da Secretaría de Estado de Igualdade, ao abeiro do curso Unión Europea a menores: desafíos do espazo de xustiza, que se vén desenvolvendo ata o vindeiro 24 de xuño dentro do Módulo Jean Monnet. Engadiu que o principal reto para solventar esta problemática recae en establecer medidas de prevención nos países de orixe da explotación, “cuestión que en España está controlada porque a maioría de mulleres proceden de Romanía, membro da Unión Europea e con posibilidades de intervir”.

A diferenza do tráfico de drogas e de armas, a trata de seres humanos “é menos visible, porque cando pasamos por unha estrada e vemos un local cunha iluminación vermella pensamos en que se está exercendo a prostitución, pero non que haxa persoas explotadas e retidas en contra da súa vontade”, explicou Valldecabres. Aínda que o fenómeno maioritario en España sexa a explotación sexual, a trata laboral tamén é significativa, mentres que a de órganos e “de menor relevancia”. No tocante aos nenos, “a maior porcentaxe de casos son aqueles que caen en redes de mendicidade, obrigados incluso polas súas propias familias”.

Cuestión de supervivencia

Moitas das mulleres que caen nestas redes de explotación “acaban aceptando a súa situación, máis que por normalización, por supervivencia”. Estas vítimas soen vivir situacións de illamento e de total desprotección “polo que os seus secuestradores ofrécenlle como única saída a posibilidade de colaborar con eles, ben na captación de novas mulleres, ben no adestramento”, polo que se está traballando para incluír esta situación como eximente á hora de xustificar a colaboración con estas redes de explotación.

Cooperación a nivel europeo

A normativa europea está bastante avanzada nestes casos e conta con instrumentos consolidados para combater a trata de persoas. “España está incluída no Convenio de Consello de Europa sobre a Loita contra a Trata de Persoas cun gran nivel de consenso e de colaboración no eido xurídico e policial”. Por iso, os principais esforzos de prevención nacional na actualidade céntranse na procura de cooperacións con outros países de fóra da Unión Europea, como Lationamérica e África, “lugares moi comúns de procedencia, para poder logo reintegralas na sociedade”.

Isabel Valldecabres fai especial fincapé na necesidade de diferenciar o termo tráfico e trata de ser humanos, confusión “froito da mala tradución do inglés”. Mentres que a palabra trata fai referencia á captación, traslado e explotación dunha persoa, “tráfico está relacionado co fenómeno da inmigración, cando a propia persoa acepta someterse a unhas condicións que vulneran os seus dereitos como traballador para converterse en mande obra barata”.

También te puede interesar