Galicia Vigo al minuto

Ruta adaptada por Cíes para celebrar o Día Europeo dos Parques Naturais

Unha ruta adaptada para un grupo de 30 persoas con discapacidade intelectual cos seus monitores polas Illas Cíes. Esta é unha das actividades previstas para celebrar en Galicia o vindeiro 24 de maio o Día Europeo dos Parques Naturais, que levará a organizar actos sobre todo para o público infantil para darlles a coñecer a riqueza natural galega e conciencialos sobre a importancia da súa protección e conservación, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social.

Baixo o lema ‘Natureza sen fronteiras’, haberá actividades nos seis parques naturais de Galicia: A Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, O Invernadeiro, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume e o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; e un parque nacional, o Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Desde 1999 celébrase o Día Europeo dos Parques, no que se conmemora a ‘Declaración de Suecia’, asinada o 24 de maio de 1909, dos primeiros parques nacionais do Vello Continente. Esta celebración está promovida pola Federación Europarc, organización creada en 1973 e que reúne ás institucións dedicadas á conservación da natureza e os espazos protexidos en 38 países europeos.

También te puede interesar