Destacados Vigo al minuto

China busca ‘cerebros’ occidentais para camiñar cara a modernización

Vanessa Rey foi a encargada de presentar a Xulio Ríos.
Vanessa Rey foi a encargada de presentar a Xulio Ríos.

N. REY/ Nun momento de crise internacional como o que estamos a vivir, volver a mirada cara Oriente pode ser un bo xeito de que os empresarios galegos e españois salvagarden os seus intereses. Sobre todo se o obxectivo marcado é China. Alí hai un amplo abano de pequenas e medianas empresas con necesidade de internacionalización máis aló do sudeste asiático e que ven a España como unha vía para triangular a súa presenza en países latinoamericanos como Brasil, Venezuela ou Cuba, onde o cambio de rumbo tamén é un feito.

Pero o interese é mutuo: de aí que institucións públicas como o Igape xa estean a elaborar un plan específico para desembarcar no mercado chinés, algo que para conquerir con éxito é preciso ter un amplo coñecemento dos usos e costumes, das tradicións, e unha maior capacidade de adaptación. Por iso, para resolver calquera dúbida sobre como se vive e se traballa no país de Hu Jintao, Xulio Ríos, director do Observatorio da Política China, deu unha extensa charla dentro do ciclo de conferencias Oriente Express que se están a desenvolver na Escola Oficial de Idiomas, co que se pretende un achegamento tanto a este país como a Xapón, para o que tamén organizaron un mercadiño solidario ou un mural de apoio trala traxedia do pasado 11 de marzo.

A Escola Oficial de Idiomas organiza un mercadiño solidario con Xapón.
A Escola Oficial de Idiomas organiza un mercadiño solidario con Xapón.

Ríos recalcou China como destino non só para facer negocios senón tamén para traballar: alí ser estranxeiro ten as súas vantaxes. Aínda que non vale calquera. O país que gobernan os homes, non as leis, cunha cultura do Dereito realmente moza, comezou nos anos 70 o que se coñece como ‘Reforma e apertura’, unha nova política que pretende alonxar ao país do aillamento ao que estivera sometido e na que a modernización está asociada “á idea de Occidente”. Para iso China ten en marcha un macroplan “para captar as mellores mentes e asegurarse a contribución do exterior nese proceso de modernización”.

Estes expertos estranxeiros levan no país dende os anos 50 e a súa evolución co paso do tempo simboliza a propia evolución de China. Os primeiros en desembarcar no país foron os expertos convencidos, aqueles que defendían “a capa e espada as posicións do maoísmo” e que, ademais das mellores condicións salariais e de vida que se lle asocian aos expertos de todos os tempos, hai que sumarlle un contacto directo coas altas esferas do poder. “Vívían nunha xaula de ouro nun momento de grandes dificultades, no que o nivel de renta regresou a niveis de 1870”, asegurou Ríos.

Pero destes profesionais involucrados dun xeito tan directo na construcción do país, que tamén viviron unha escisión entre eles mesmos, China pasou aos escépticos. Chegaron nos anos 80, co “novo tempo político” chegado trala morte de Mao, e viven desencantados o cambio de rumbo ao consideralo unha traizón aos valores dos últimos 30 anos. Sen embargo, se estás pensando en optar ao posto agora, ten en conta que serías un experto inocuo: despolitizados cunhas condicións laborais boas pero limitando sempre as relación ao profesional. O seu traballo sempre está vencellado ao mundo da educación, da comunicación, da tradución ou da ciencia.

Diferenzas culturais, tradicionais e de mentalidade aparte, China busca unha apertura ao exterior “na que se pode participar en vivo e en directo, un experimento sorprendente para ver de primeira a emerxencia ou reemerxencia do país como superpotencia económica mundial” na vindeira década. “Eu recomendaría traballar en China e poder vivir así unha experiencia proveitosa tanto dende o punto de vista persoal como profesional”, recoñeceu o moañés Xulio Ríos.

También te puede interesar