Cultura Música y Cine

A Xeración Xabarín, a xeración que aprendeu galego vendo a tele

Duvi/ De Mareas Vivas a Matalobos, da xeración Xabarín a Os Herdeiros da Crus ou os Diplomáticos de Monte Alto… toda unha volta pola música e o audivisual galegos. Este é o obxectivo dunhas xornadas organizadas pola asociación Trabalingua que ata o vindeiro 7 de abril reunirán na Universidade de Vigo a algúns dos persoeiros que fan posible a presenza galega nestes ámbitos e a mocidade que converte en éxito este tipo de iniciativas.

Para abrir boca nesta primeira xornada, os asistentes visionaron un capítulo de Matalobos, un exemplo de proposta arriscada nas series de fición galegas e, xa despois, a oportunidade de debater as claves do éxito deste tipo de productos co produtor Pepe Coira, o presidente da Asociación Galega de Guionistas, Carlos Ares, e o coñecido actor Luis Iglesia, Carmelo, na serie Matalobos. E se algo se caracteriza por marcar a toda unha xeración foi o Xabarín Club e, quen mellor para recordalo que o propio director do programa Alberto Casal, que estivo acompañado polos músicos Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza, Puto Coke e Woiza. Salientando que se “vai reciclando o panorama” subliñaron que hai productos que nacen con vocación de iconos e que “a día de hoxe son moitos os exsocios que xa nos mandan os seus propios videoclips”.

Se esta primeira xornada estivo protagonizada pola ficción televisiva, este xoves a mirada dirixirase ao cine e ao sector da animación. A análise da historia do cinema en Galicia, as súas trabas e vías de futuro, os videoclips, os festivais… serán algún dos temas a abordar polo profesor Miguel Anxo Fernández, que estará acompañado por Manuel Sande ou Xosé Nogueira, entre outros.

También te puede interesar