Galicia

NCG quere rebaixar máis de 650 millóns de euros a súa necesidade de capital

Capital público ou privado. Da igual. A intención de Novacaixagalicia será dar entrada no seu banco a todos os investidores posibles mentres ultima un plan interno para reducir a necesidade de capital entre 650 e 1.000 millóns de euros para axustar o cociente de capital. No consello de administración celebrado hoxe tamén se aprobou a captación de investidores estratéxicos privados e a presenza de capital público temporal a través do FROB, xa que esta fórmula permítelle á caixa manter a súa máxima vinculación con Galicia e o investimento social na comunidade.

A idea é minimizar a achega do FROB captando o capital privado para o novo banco da caixa, aínda que a súa presenza como accionista temporal vese como un reforzo de estabilidade durante a renovación da caixa. O proxecto deseñado prevé, nunha segunda fase, a saída a Bolsa do banco de Novacaixagalicia, dando entrada a pequenos accionistas e outros investidores institucionais, que permitirá a saída do FROB como accionista da entidade.

A caixa galega remitirá o seu proxecto de capital ao Banco de España o vindeiro luns e, unha vez aprobado polo supervisor, concentrará o seu traballo no proxecto escollido, co obxectivo de dispor do capital esixido nos prazos previstos pola nova normativa española.

También te puede interesar