Galicia

Os traballadores de Alfageme tomarán a Xunta en busca de solucións

Séntense desamparados: ninguén lles informa e a Xunta non se implica trala entrada en lei concursal. Por iso os traballadores de Alfageme das factorías de Vigo, Vilaxoán, Ribadumia e O Grove concentraranse diante da delegación da Consellería de Industria e do Igape en Vigo, co que se están a reunir nestes intres para intentar recabar información. Extraoficialmente, os preto de 350 afectados saben que o Consorcio Conservero Español voltou facer unha oferta polas plantas de Vilaxoán e Ribadumia, na que se comprometen a manter os 150 postos de traballo e a actividade industrial.

Representantes e traballadores continuarán coas mobilizacións ata que obteñan información da situación na que se atopa o futuro de Alfageme e o da plantilla e sobre os contactos con posibles compradores. Os representantes sindicais dos traballadores piden que a Xunta interceda para que os traballadores de Vigo que solicitaron a rescisión do contrato poidan cobrar de xeito íntegro as súas indemnizacións, aínda que están pendentes de interpoñer un recurso para poder cobrar 45 días por ano e non os 20 que lles concederon na actualidade.

También te puede interesar