Comarcas

O PP de Redondela acusa ao goberno local de empregar o Día da Muller de xeito partidista

O Partido Popular de Redondela escusou de apoiar o manifesto elaborado con motivo do Día Internacional de Muller pola Concellería de Igualdade ao considerar que o seu contido “é en exclusiva un ataque ao goberno autonómico do PP, e por extensión ao noso partido en Redondela”, asegura Teresa París, secretaria de Comunicación dos populares redondeláns.

No corpo deste manifesto, sinala a responsable popular, “ existen referencias ao risco de involución dos dereitos da muller que estamos a vivir, unha interpretación da realidade moi sesgada e que a día de hoxe, no ano 2011, semella de ciencia ficción”.

Segundo os populares, o goberno local pide un Plan de Emprego Feminino, pero sen propoñer ou presentar medidas concretas, e demanda que se retire o proxecto de Lei de Familia,só porque non lle gusta” e, engade París, mencionan as axudas da violencia de xénero cando, ao seu entender, a Xunta segue mantendo as partidas, sen recorte algún, mentres o Concello de Redondela non aprobou máis investimentos nos orzamentos de Benestar para axudar a estas mulleres e ás súas familias.

Para Teresa París, a sinatura deste manifesto” non significa un apoio á muller, senón o apoio a unha lista de cuestións que politicamente consideran correctas os señores e señoras do Goberno local”. O Partido Popular de Redondela demanda políticas de igualdade e da muller que sirvan para que se conquira a devandita igualdade e “deixar de ser cobaias na enxeñaría da ideoloxía de xénero”.


 

También te puede interesar