Cultura Destacados

Seis de cada 10 menores sen escolarizar son nenas

Tras a iniciativa de “1Gol pola Educación”, coa que se reuniron máis de 18 millóns de firmas o pasado ano e se logrou implicar centos de personalidades do mundo futbolístico e da esfera política en torno ao Mundial de Sudáfrica, este ano, a Campaña Mundial pola Educación (CME) volve mobilizarse para reivindicar un maior compromiso dos líderes políticos cunha realidade tan sangrante como é a desigualdade de xénero no acceso á educación. Baixo o lema “A educación non é un conto: polos dereitos das nenas e mulleres”, millóns de persoas en todo o mundo alzarán a súa voz durante a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAme) que terá lugar entre o 11 e o 17 do próximo mes de abril. Porque as cifras falan por si soas: dos 69 millóns de menores sen escolarizar en todo o mundo, o 54% son nenas; e dos 759 millóns de persoas adultas que carecen de estudos básicos, dous terzos son mulleres.

Para visibilizar esta realidade, a actividade central da Same 2011 consistirá en “A Grande Historia”, é dicir, na elaboración dun gran libro de contos escritos por alumnos, alumnas, docentes e personalidades destacadas do mundo da interpretación nos que se reflectirá como o acceso á educación -ou a falta desta- pode marcar a vida das mulleres e das nenas.

Todos os contos poderán consultarse na páxina web da Campaña  e empregaranse nos actos centrais que terán lugar entre o 11 e o 17 de abril en cada Comunidade Autónoma. Nestes actos contarase coa participación de diferentes representantes dos gobernos locais, autonómicos e do goberno estatal para recordarlles o seu compromiso de destinar os recursos necesarios para garantir a educación básica para todos e todas.

Actualmente, malia que a educación é un dereito fundamental, e é imprescindible para romper o círculo da pobreza, hai 69 millóns de nenos e nenas sen escolarizar e 759 millóns de persoas adultas que non teñen competencias básicas de lectura. Campaña Mundial pola Educación naceu para que o compromiso de lograr unha Educación para todos e todas non pasase desapercibido. Por iso, o seu obxectivo é mobilizar á cidadanía para que esixan aos seus gobernos e á comunidade internacional que cumpran as súas promesas e se responsabilicen do destino de millóns de persoas aos que se exclúe do dereito á educación.

También te puede interesar