Deportes Galicia

O taekwondo galego, coa axenda repleta

Fani Hernández, unha das premiadas na Gala do Taekwondo.
Fani Hernández, unha das premiadas na Gala do Taekwondo.

De Open en Open e tiro porque me toca. O taekwondo galego vai ter unha fin de semana do máis axetreada con un Open en Murcia, outro en Holanda e a súa gala anual, na que premian aos deportistas máis destacados do ano. Por un lado, a selección galega de técnica participará o sábado no III Open Internacional de técnica de Fuente Álamo (Murcia) nun importante test preparatorio cara ao  Campionato de España, que se celebrará no mes de abril. Un torneo de alto nivel no que participarán seleccións autonómicas punteiras en poomases como Navarra, Catalunya ou Valencia, ademais de deportistas de outros países como Francia, Inglaterra, Italia e Portugal.

Mentres, a selección galega júnior desprazarase ata Eindhoven para participar no Open Internacional de Holanda entre os días 18 e 20 de febreiro. O torneo, de clase A, ten un recoñecido prestixio pola enorme e importante participación, con case 700 deportistas de toda Europa e do resto do mundo. En total irán 9 deportistas e dous técnicos. Normalmente a este Open a Federación Galega tamén manda un equipo sénior, pero nesta oportunidade varios deportistas galegos están convocados pola Federación Española para participar nunha xira, que levará ao equipo a Pequín. Galicia aporta a catro deportistas ao equipo nacional: Fani Hernández, Andrea Rica, José Antonio Carregal e Katia Calvar.

Gala do taekwondo

Fani Hernández, Fernando Rascado e José Antonio Andrade foron considerados como os mellores deportistas do ano 2011, polo que serán premiados na gala do Taekwondo que este sábado 19 celebrarase no Centro Social Novacaixagalicia e na que tamén serán galardoados técnicos, xuíces, clubs e institucións do ano 2010. Xunto a estes deportistas tamén serán premiada a selección galega de exhibición.

O xurado tivo un duro traballo para elixir ás e aos mellores do ano, xa que foron moitos os méritos adquiridos polos nosos deportistas e os clubs no 2010: Galicia proclamouse campioa de España por seleccións; un club galego (Natural Sport Videlgi) acadou o título de campión de España; a nivel individual as e os deportistas galegos acadaron medallas tanto en competicións nacionais coma internacionais; a selección galega de exhibición infantil e sénior proclamouse campioa de España; Galicia organizou con éxito o campionato do mundo universitario… Así, houbo algúns apartados nos que o premio foi dobre, como no caso do mellor deportista masculino de combate, con Fernando Rascado (bronce no Mundial Universitario) e José Antonio Andrade (subcampión de Europa sub 21), como protagonistas.

O xurado elixiu a José Luis Álvarez como mellor técnico do ano, por  ser o responsable máximo da selección galega absoluta que fixo historia batendo o record de medallas (18) acadadas nun campionato de España, mentres que o mellor árbitro é Diego Moledo. Tamén foron elixidos mellores deportistas promesa Lucía Ferrari (feminina) e Serafín Martínez e Adrián Jiménez (masculina).

Noutros apartados, haberá galardóns para o Campionato do Mundo Universitario como mellor evento; ao proxecto Taekwondo para a Igualdade como “premio ao xogo limpo” e para Pescanova e Novacaixagalicia, pola súa colaboración co taekwondo galego. Ademais, o Concello de Boiro foi elixido como “concello máis colaborador” e a deputación da Coruña, como “a deputación máis colaboradora”.

También te puede interesar