Galicia Vigo al minuto

48 países, 48 posibilidades de estudiar máis aló das nosas fronteiras

Duvi/ Dende os clásicos destinos Erasmus ata China, dende Australia ata Brasil… esta semana abriuse a convocatoria de solicitude de prazas para participar o vindeiro curso nos programas de intercambio. Requisito imprescindible: moitas gañar de vivir experiencias novas, mellorar en idiomas e formarse “en todos os sentidos”, como subliñaba, Iria Saavedra, alumna de Química que acudiu as charlas informativas que está a ofrecer a Oficina de Relacións Internacionais nos tres campus para pór ao día ao alumnado sobre as diferentes posibilidades de cursar parte dos seus estudos no estranxeiro, ben nalgún dos 26 países europeos con convenio Erasmus, ou en calquera dos outros 22 cos que a Universidade ten convenio.

Como principais novidades desta convocatoria saliéntase a incorporación de novos países como Algeria, Canadá, Cuba, Marrocos ou Perú. “Ademais dos destinos Erasmus tradicionais, este ano estamos en condicións de ofrecer como destino 176 prazas en 22 países dos cinco continentes”, subliñou o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que adiantou que, en breve, se ampliarán os intercambios con China a través do programa ItoI, International to International de ISEP.

Máis de 1.000 solicitudes

Animados por coñecer outras culturas e por ampliar estudos no estranxeiro, o curso pasado 966 estudantes da Universidade solicitaron formar parte do programa Erasmus e, finalmente, foron seleccionados máis de 700. As solicitudes para o programa Erasmus e os outros programas de intercambio 2011-2012, á excepción de China pódense presentar ata o vindeiro 18 de febreiro e as prazas ofertadas, así como as datas das sesións informativas, a contía das axudas ou os requisitos de idiomas pódense consultar na páxina web da ORI.

You may also like