Galicia Vigo al minuto

“Habería que loitar contra a idea de que as novas tecnoloxías van destruír o xornalismo”

O profesor Manuel Fernández Areal.
O profesor Manuel Fernández Areal.

Noemí Rey/ DUVI/ Defínese como “un home do século pasado”, moi pendente do correo electrónico pero que non quere ter móbil para que “non me dean a lata”. Manuel Fernández Areal, primeiro decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, xubilouse… por segunda vez. Foi pensando nel polo que a Universidade de Vigo fixo unha lei especial na que tiñan cabida a figura do profesor emérito que permitía aos docentes continuar ata 10 anos máis dirixindo teses de doutoramento, tribunais de prazas, dando clase no Terceiro Ciclo… Para el foi unha sorte. “Non sei como é para un home que traballa en Citroën e que está desexando xubilarse para descansar, pero para un profesor universitario a xubilación é máis un trauma que unha vantaxe, recoñece Fernández Areal.

Agora, con 80 anos e máis tempo de lecer, lonxe de deixar atrás o mundo da comunicación é un dos seus analistas máis severos, aínda que optimista. “Nos meus tempos era unha herexía que un señor que fai os informativos faga tamén publicidade. Pero parafraseando a Becquer, mentres haxa xente con interese pola noticia e por diferenciar entre informar e facer propaganda haberá xornalismo. Ao mellor hai menos xornais ou terán menos tirada, pero iso xa pasou moitas veces ao longo da historia”, explica o profesor.

Para este xurista e comunicador, as novas tecnoloxías lonxe de supoñer un lastre son un instrumento que ofrece un amplo abano de oportunidades. “Habería que loitar coa idea de que van destruír o xornalismo. Agora temos a gran presión de Internet e parece que calquera pode ser xornalista e non: calquera pode colgar cousas nunha web e dicir o que lle pete, pero moitas veces mesturando opinión con información, asegura. Unhas verbas que proveñen dun licenciado en Dereito que exerceu sempre como xornalista e que se viu sometido a un Consello de Guerra cando era director xeral do Diario de Valladolid por publicar nun artigo que os 18 meses de servizo militar obrigatorio eran unha perda de tempo.

O futuro pasa polo autocontrol

Procedente dunha xeración cunha “visión romántica da profesión”, Fernández Areal bota de menos a empresarios dos medios cunha mentalidade máis centrada na educación e non nos números. De aí que as grellas televisivas estean cheas de programas como Sálvame. “Este tipo de programas seguirán tendo cabida porque é o público o que manda. O empresario quere gañar cartos e se da beneficios se ti non queres facelo sempre haberá un que queira esperando fóra”, subliña. O futuro? Retomando a “ética profesional e o autocontrol” dentro das asociacións da prensa, que teñen que gañar peso.

Outro dos alicerces do cambio ten que darse na docencia. Contrario a algúns aspectos do Plan Boloña, o profesor asiste atónito á disputa das tres universidades galegas por conseguir unha mesma titulación, como ocorreu no seu momento coas licenciaturas de Comunicación (Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas) e como pasa agora con Medicina. “O que se trata é de que saian bos médicos, non que cada cidade teña unha facultade porque lle gusta ou porque lle queda bonito. Todo o mundo querería ter un equipo de fútbol en Primeira División, pero hai que pagalo e se non hai canteira nin cartos non pode ser”, recalca. Non pode haber excepcións nin con titulacións como as de comunicación, cunha alta demanda por parte do alumnado “porque está de moda. A xente fíxase non que saen na televisión, nos que destacan. A todo o mundo lle gustaría traballar de correspondente en París ou Londres, pero iso non pode ser para todos. A demanda baixará porque, claro, hai que xantar”, subliñou.

Unha longa vida laboral

Ao longo dos seus case 50 anos de traballo, Fernández Areal non sabería con que faceta quedarse, se coa de xornalista ou coa de docente “e non porque sexa galego, senón porque eu sempre fun xornalista, pero sempre tiven a oportunidade de participar en proxectos docentes”. Iso si, da súa etapa como profesor, a mellor sen dúbida é a que viviu no campus de Pontevedra, onde puxo en marcha a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación con “moita ilusión”. “Incluso cando estaba de catedrático en Tenerife, á última hora da noite miraba unha cruz de Santiago acendida nun monte preto do porto e preguntábame que facía eu alí”, confesa dende a distancia que da o tempo. Da súa vida como xornalista, Valladolid foi capaz de sacar o mellor e o peor, xa que un Consello de Guerra obrigouno a deixar a cidade, pero durante anos puido traballar man a man con un grande amigo e “xerente con mentalidade comunicadora nun momento no que o Diario de Valladolid loitaba cotra o Norte de Castilla de Delibes e o Libertad do Movemento de Jesús Vasallo. A loita foi dura e difícil, pero estimulaba moito”, recorda.

Coa xubilación todos estes desgustos quedan atrás. Agora só lle queda gozar escribindo artigos de opinión, levando algún tribunal e resolvendo unha conta pendente: gañar o Xubileo en Ano Santo cos compañeiros de promoción na Facultade de Dereito de Santiago de Compostela, aínda que agora xa “vamos algo velliños”.

También te puede interesar