_agenda Agenda

Soñemos con libros cheos de avós

A figura dos avós, sempre tan necesarios, será o fío condutor da nova sesión de contos que a librería Libros para Soñar dará esta tarde (18:30 horas) no Casco Vello. O álbum titulado ‘Avós’, de Chema Heras e con ilustracións de Rosa Osuna, será un dos eixos do repertorio, un clásico do catálogo de Kalandraka que foi traducido a varias linguas, entre elas o brasileiro, o chinés ou o xaponés.

A obra conta a historia dunha parella de avós que, malia os sinais da idade física, destacan pola súa vitalidade e o seu espírito xuvenil. ‘Avós’ foi galardoado co Premio Llibreter e distinguido entre “Os mellores libros para nenos” polo prestixioso Banco do Libro de Venezuela.

A sesión de contos rematará cun obradoiro de confección de “Sacapenas”, o título do álbum do autor e ilustrador británico Anthony Browne, convertido nun clásico da Literatura Infantil contemporánea. O protagonista é un neno medoso que consegue superar os seus temores grazas a un consello da súa avoa, que lle recomenda compartir as súas preocupacións cos bonecos “sacapenas” de orixe guatemalteca. Facendo un collage de papeis pintados e material textil, os nenos e nenas que participen no taller debuxarán e recortarán o seu boneco, que os acompañará en diante para protexelos dos medos.

O mércores máis

Se hoxe quedas con ganas, a profesora, escritora e compositora Susa Herrera presentará o mércores na sesión de contos para bebés (17:30 horas) un novo libro-disco titulado ‘Animais EnCantadores’, con ilustracións de María Noel e publicado no selo Primera Persona. Contén 10 cancións nas que os protagonistas son animais moi diversos, dende o lobo, ata o morcego, pasando polo camaleón. Música e cantigas para público infantil, con ritmo e un enfoque lúdico.

También te puede interesar