Galicia

Creatividade Galega nace por iso de Galicia calidade

A asociación presentouse na praza de abastos de Santiago.
A asociación presentouse na praza de abastos de Santiago.

Duvi/ Galicia é un fervedoiro de publicistas con moitas ideas, todas cun selo particular: iniciativa, imaxinación e orixinalidade. Para difundir ese traballo publicitario de calidade feito na comunidade bota a andar Creatividade Galega, a asociación profesional de publicistas de Galicia, unha idea pioneira que reúne xa a máis de medio cento de empresas e profesionais do sector. Ata a súa presentación pecou de pouco convencional: baixo o lema ‘Publicidade do mercado’ e co carriño da compra na man deron a coñecer os primeiros obxectivos desta nova entidade na praza de abastos de Santiago ante arredor de 300 profesionais da publicidade, dos medios e das empresas galegas. A idea naceu o ano pasado cando profesionais do sector puxéronse en contacto “de xeito espontáneo” cos argalleiros do libro que leva o mesmo nome da asociación e “nos enredaron nesta nova andaina”, confesa Chechu Pérez, presidente e un dos impulsores da iniciativa xunto con Alberto Dafonte e Eva Quintas.

As metas a superar neste primeiro ano de vida son claras: montar unha exposición itinerante cos mellores anuncios galegos dos últimos anos, ofertar ciclos de conferencias para o público en xeral ademais de para profesionais e anunciantes e crear un manual de boas prácticas na profesión. “Será unha publicación na que se senten unhas nocións profesionais mínimas: actividades, formas empresariais, contacto cos clientes, compeñerismo, formas de remuneración e cantidades mínimas, fiscalidade, dereitos e propiedade intelectual… Unha morea de cuestións sobre as que non existe consenso e que fan que sexamos un sector disperso”, puntualiza Pérez.

Co que tamén continuarán será co anuario Creatividade Galega, que vai pola súa quinta edición e que naceu coa intención de dar a coñecer o bo traballo de deseñadores e publicistas galegos e a capacidade competitiva das empresas. Un libro que manterá as nove paradas establecidas desde 2007 no paseo pola producción publicitaria galega: imaxen corporativa, embalaxe, gráfica, exterior, deseño editorial, deseño online, audiovisual, soportes alternativos e promesas.

A mostra que xa puxeron en marcha recollerá os 75 mellores anuncios escollidos entre estudantes e profesionais de entre as máis de 3000 imaxes publicadas no anuario. A primeira parada, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. A partir de aí percorrerá as sete principais cidades galegas en 2011 e xa en 2012 as vilas galegas de menos de 50.000 habitantes.

Un sector que move 200 millóns de euros

O posto de traballo de máis de 3000 persoas depende directamente do sector publicitario en Galicia, que factura máis de 200 millóns de euros cada ano. Neste contexto, a asociación pretende establecer as sinerxias precisas para captar recursos que revirtan na xeración de riqueza para o sector e lle confira a visibilidade necesaria.

Os seus obxectivos principais pasan por aumentar a calidade do traballo creativo en Galicia, difundir o valor das campañas galegas, velar pola profesionalización so sector e crear un foro permanente sobre o traballo creativo en comunicación no que non se lle quite ollo de enriba á problemática propia da publicidade de ámbito rexional, na que hai “dispersión e atomización, con moitas empresas para o investimento, falta de recoñecemento e pouca unidade”. Todo sen perder de vista aos anunciantes, cos que se intentará estreitar contactos e promover unha sensibilidade especial cara a creatividade publicitaria.

Cunha vocación eminentemente integradora, Creatividade Galega pretende colaborar cos organismos sectoriais existentes en Galicia sen esquecerse da importancia de saír das fronteiras da comunidade: intentarán sumir a asociación nun entorno nacional con acordos co Club de Creativos, a agrupación de creativos publicitarios de referencia en España.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.