Deportes Destacados

O Celta xa milita na Liga do Campus do Mar

celta-universidade

Sara Alcázar/Universidade de Vigo/ O Real Club Celta de Vigo converteuse hoxe na primeira entidade deportiva en sumarse ao Campus do Mar coa sinatura dun convenio de colaboración no que se inclúen numerosas accións de difusión e promoción do Campus do Mar por parte do equipo vigués, así como outras cuestións académicas.

O campo de Balaídos será este sábado o escenario no que o equipo vigués materializará o seu respaldo ao Campus do Mar mediante a difusión e promoción do proxecto durante o partido que xogará fronte ao Alcorcón. Os xogadores do Celta saltarán ao campo cunha pancarta do proxecto co slogan ‘Eu Campus do Mar’, ademais no transcurso do encontro, emitiranse vídeos promocionais do proxecto nos marcadores de Balaídos.

Paralelamente, pero xa fóra do campo, estableceranse tres stands informativos do Campus do Mar nas inmediacións do estadio co obxectivo de dar a coñecer o proxecto e captar apoios entre a sociedade viguesa. Nesta mesma liña, a Universidade aproveitará o tirón das redes sociais mediante a inserción dos logos e do selo de apoio ao Campus do Mar nos espazos de Facebook, Tuenti e Twitter que posúe o club co fin de facer máis visible o proxecto na rede.

You may also like