_agenda Agenda

O gladiador do humor, protagonista no ecuador do Festiclown

Elliot.
O clown belga Elliot.

Chega o ecuador da undécima edición dun dos mellores festivais de clowns de Europa, o Festiclown, e con él o mestre do humor xestual, o belga Elliot e o seu ‘Gladiator do humor’, que sairá á area para gañar ao público e loitar polo amor dos espectadores. Pero iso será ás 22 horas. Antes, haberá moito do que disfrutar…

Unha vez máis, profesionais e afecionados poderán beneficiarse do Formaclown, que se celebra ás 10 e ás 16 horas todos os días. Xa no apartado lúdico, o Desclowntrol chega ás rúas ás 11:30 horas con Uau Clown, á mesma hora na que a Cía Origen… y nada más levará o seu espectáculo á Praza da Princesa dentro do Maraclown.

Ás 12 h será a quenda do Maraclown solidario co navarro Andoni Clown e o seu Bolo Floji na Praza de América. Media hora máis tarde, de novo Desclowntrol con Bombo Tambor e Maraclown co Grupo Electrógeno e a súa ‘Comedia circense’ na Praza da Princesa.

O Maraclown seguirá ás 18 horas na Praza da Princesa con Pajarito e ‘A vida tola’ e ás 18:30 horas co Circo Claxon e ‘Olímpico y rimbombante‘, unha fusión entre a picardía do novo circo arxentino e a alegría e espectacularidade do tradicional, con acrobacias e risco, humor e complicidade co público. E, á mesma hora, a Porta do Sol convertirase no escenario para ‘El autoestopista galáctico’ do galego Aitor Garuz.

Xa ás 19 horas comeza Isto non é Walt Disney con Mundo Mandarina e o seu ‘Laboratorio mágico’ no Carpaclown da Praza do Rei. Mandarina fará que grandes e pequenos se asombren e rían con xogos de maxia cómica e a aparición do seu malhumorado paxaro. Improvisación, humor e maxia por 3 euros para os adultos e de balde para os menores de 14 anos.

Á mesma hora será o turno de Maku Jarrak dentro do Certame Intergaláctico de Exterior na Praza da Princesa. A arxentina preséntase en Vigo con ‘Metro y medio’, un espectáculo basado na acción física e a comunicación cómica co público dun xeito activo e fresco. Huindo das palabras, Jarrak usa cos seus espectadores unha linguaxe universal co que divirte, asombra e provoca sentimentos simples e profundos.

Ás 19:30 horas, Maraclown de novo co Grupo Electrógeno na Porta do Sol e ás 20 horas Certame Intergaláctico co Capitán Maravilla na Praza da Princesa. Uns 15 minutos despois Maraclown co Circo Escarranchado na Praza do Rei e ás 20:30 horas… toma nota: Chacocachi na Porta do Sol, Arritmados no Calvario e dentro do programa social a proxección do documental ‘Mashi: Trasi que Trasi!’ no Instituto Camoes. A cinta foi rodada por Pallasos en Rebeldía durante a viaxe que realizaron en 2009 a Ramallah e Nablús, en Palestina, para derribar o muro da vergoña coa risa, talleres de risoterapia e clowns.

A Mostra Internacional continúa ás 22 horas coa estrela da xornada: o belga Elliot. No auditorio do Concello, por 8 euros, poderás disfrutar dunha oportunidade única para ver as aptitudes camaleónicas do pallado. No esceario alternaranse os gags que permitirán que o cómico belga desplegue as súas habilidades xestuais que o convirten nun antidepresivo infalible.

Xa pola fresca, ás 23:45 h, Arritmados na Carpaclown e, ás 00 h, Kolectivo Monstrenko na Praza do Rei con ‘Tenemos que hablar’. E para rematalo día, ás 01 h, Denominación de Origen con ‘Bernardo & Chiquito’ no Carpaclown. Acabarás esgotado!

También te puede interesar