Cultura Vigo al día

‘Landriña’ descobre hoxe os segredos do Pazo

Quiñones de LeónO Museo de Castrelos desenvolverá dende hoxe unha nova edición do programa “Domingos de Museo”, unha nova actividade, gratuíta e destinada especialmente a nenos e nenas de 4 a 12 anos, leva por título “Landriña descobre os segredos do pazo” e comezará ás 11.30 horas.

Este domingo, a mascota do museo Landriña, guiará aos participantes no obradoiro nun breve percorrido polo pazo. Da súa man descubrirán os segredos que se esconden tras as súas paredes e nas obras de arte expostas. Ademais, a visita inclúe unha subida ás torres do pazo, así como xogos e actividades estreitamente relacionadas coa proposta.

“Domingos de museo” ten por obxectivo dar a coñecer o Museo da Cidade a todos os públicos mediante un obradoiro dunha hora de duración. Nel poden participar ata 15 nenos e nenas cun máximo de dous acompañantes. As persoas que acompañan aos menores poden participar na actividade ou ben deixalos ao coidado do persoal educador.

Ademais do programa “Domingos de museo”, o Pazo Quiñones de León acolle outras actividades como a visita xeral, que baixo o nome “O pazo, historia e curiosidades” se deseenvolve os domingos ás 12.30 horas sen necesidade de facer inscrición previa. Esta actividade trata de presentar de xeito ameno a historia do pazo Quiñones de León. No percorrido, os participantes descubrirán algunhas curiosidades do pazo e das coleccións e como complemento subirán ás torres dende as que se pode gozar dunha privilexiada visión dos xardíns acompañada dunha breve explicación.

Para participar nas visitas guiadas para grupos e asociacións ao pazo de Castrelos é preciso realizar a reserva previa reserva, ao igual que ás visitas guiadas á sala de arqueoloxía e obradoiro de arqueoloxía, no teléfono 986 295 070.

Os percorridos guiados ao xacemento de O Castro, de maio a setembro, desenvólvense todos os días agás luns de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas, e de outubro a abril, todos os días agás luns de 10 a 14 horas e de 16 a 18 horas. As visitas guiadas ao xacemento da Villa Romana de Toralla, de outubro a maio, son os martes, venres, sábado e domingo de 12 a 18 horas e de xuño a setembro, de martes a domingo de 12 a 20 horas.

También te puede interesar