Agenda Cultura

O mundo celta espérate moi ao norte

O Festival de Ortigueira faise maior. Hoxe arranca a vixesimosexta edición do Festival Internacional do Mundo Celta preparado para acoller a máis de 100.000 amantes da música folc que tomarán literalmente o municipio coruñés. Centenares de tendas de campaña dispostas na praia de Morouzos con carpas nas que haberá música dance para os que prefiren outro tipo de ritmos pero a boa compaña. Concertos e acampada de balde poden ser o mellor reclamo.

Para entretemento, un cartel que fai unha aposta clara polos novos estilos e polas novas formacións, dando unha oportunidade para facerse escoitar entre un público que sempre da máis do cen por cen: o 70 por cento dos grupos actuarán por primeira vez no festival. E para compensar a falta de música o domingo, haberá espectáculos extra na Alameda. E para ir quentando motores, hoxe chegan os bretóns Kreposuk, os ingleses Oysterband e os inmortais Celtas Cortos.

Resto da programación

A partir de mañá a programación vira de novo cara o son máis folc con Shooglenifty, Marful, Escola de Gaitas de Ortigueira, Cristina Pato, Orion, Afterhours e Qui Hi Ha? o venres e Anxo Lorenzo Band, Gaelic Storm, Rare Folk, Bagad Karreg An Tan, Chirlomirlo e Leilía o sábado.

O domingo será o turno do ‘Proxecto Runas’, co que promocionar os novos valores da música folk e facer unha exhibición de gaitas na que participarán máis de 500 músicos da península, Bretaña e Escocia. Pero se queres saber máis sobre o que atopar, visita a web do festival.

También te puede interesar