Deportes Destacados

Rascado, segundo bronce para o taekwondo galego no Mundial Universitario

Fenando Rascado. Foto: Jose Cid.
Fenando Rascado. Foto: Jose Cid.

A xornada presumíase complicada e cumpriuse o previsto, pero coa inmensa alegría de vivir a segunda medalla do taekwondo galego (sexta do equipo español). E foi grazas a Fernando Rascado, o único vigués presente na competición.

Fernando Rascado tiña o calendario menos complicado, aínda que sempre sen esquecer que nun Mundial están os mellores. O vigués afrontaba a xornada con absoluta confianza nas súas posibilidades e saltou ao tapiz no seu primeiro combate antes das 10:30 horas. Rascado tiña en fronte ao brasileiro Thiago Simoes de Oliveira e comezou cunha patada á cabeza (tres puntos) para coller confianza. Así finalizou o primeiro asalto e no segundo tomaron as cousas con máis calma. Fernando, que ía por diante, non  arriscaba e o brasileiro, tampouco parecía estar demasiado preocupado así que amoestación para os dous (4-2). No terceiro asalto, o vigués controlou o combate sen moito problema, mantendo as distancias e mesmo puntuando. Primeiro escollo superado (5-2).

O seu segundo combate atrasouse moito máis do previsto, xa que houbo un incidente no combate entre o iraniano Talebikahangi e o coreano Jongmin. Os árbitros descualificaron o iraniano, ao entender que golpeara co puño o coreano, que tivo que abandonar o tapiz conmocionado, tras a revisión médica. O adestrador iraniano pide o vídeo replay, pero non se pode conceder porque xa se rematou o combate e prodúcese un duro enfrontamento entre a mesa e os representantes da delegación iraniana, que se sinte absolutamente indefensa, xa que non pode pedir o vídeo replay ata coñecer a decisión dos árbitros. Despois de máis dunha hora de deliberación, concédese a vitoria ao iraniano (que co tempo foi o rival de Fernando Rascado en semis).

E mentres, o tapiz central do pavillón das Travesas, parado e Fernando Rascado, entre outros, esperando e temperando nervios.
Por fin, sobre as doce e media correspóndelle a quenda ao vigués, que aínda soporta outro atraso no seu tapiz por un problema na mesa. Pero Rascado parece impasible e espera o momento de enfrontarse ao estadounidense Thomas Lee. Na bancada, máis xente que nunca, apoiando ao vigués e a el respondeu do mellor xeito posible: gañando. O combate comezou igualado (1-1) e cun erro do técnico estadounidense, que pediu o vídeo-replay acelerado e en contra da opinión do seu deportista. Pero xa levantara a tarxeta e non había marcha atrás. Examinouse, non había erro arbitral e perdeu o seu dereito a volver solicitar o video. E ata ese momento nin se consumira un minuto do combate. Fernando, impasible, puntuou antes do final do primeiro asalto (2-1) e seguiu ao seu. No segundo sector, o representante de USA logrou impactar cunha patada na cabeza de Rascado (2-4), pero Fernando respondeu inmediatamente coa mesma moeda (5-4), e así chegou ao terceiro asalto, cun marcador igualado, pero o vigués por diante. No terceiro, o de casa mostrou uns nervios de aceiro e controlou en todo momento, fronte a un rival cada vez máis desesperado que ía deixando a defensa baixa no seu ataque desesperado, Así, Fernando foi sumando pouco a pouco ata chegar ao marcador final de 8-4 e medalla asegurada.

En semifinais o rival era o iraniano Talebikahangi, un deportista de gran calidade técnica e moi duro. Sabíase que ía ser complicado entrar na final, pero Fernando tamén sabía que tiña que intentalo todo ante o seu público. O primeiro asalto finalizou sen que ningún dos dous competidores puntuase, pero Fernando recibiu unha amoestación por falta de competitividade, que se repetiu despois no segundo round, nesta ocasión por partida dobre, o que supuxo un punto en contra para o galego (1-0). E así comezou o último parcial, no que o iraniano mostrou o seu gran potencial. Con 3-0, o adestrador iraniano pide o video-replay nunha acción na que ambos os dous competidores puntuan simultáneamente (4-1), pero o vídeo,anuló o punto de Rascado e lle deu unha patada con xiro para Tañabikahangi, nunha acción que decidiu o combate (5-0). De aquí ao final, Rascado atacou desesperadamente, buscando o milagre que non chegou (7-1). O vigués despediuse cun cariñoso aplauso dende a bancada.

Esa foi a alegría do día, nunha xornada complicada. No sorteo, os nosos competidores non tiveron nin chisco de sorte e tocoulles enfrontarse a duros rivais. Rebeca Mariño e Juan Fernández  vían as caras con xente do máis alto nivel mundial.
A xornada comezou ás nove da mañá co combate de Juan Fernández fronte ao canadense Felix Kesserwan, o único rival “alcanzable” que lle correspondeu. E o galego cumpriu con superioridade apisoante. dominou o combate dende o principio ata o final, absolutamente concentrado e rematou cun incontestable 0-6, ao seu favor.

Pero o gordo estaba por chegar. Segundo rival, o turco Cers Ulugnuyan (bronce no último mundial), pero Juan saíu sen complexos nin medo. Tuteou ao turco de principio a fin e o combate estivo empatado ata case o final. O turco púxose por diante por unha amoestación ao galego (2-1), pero Fernández seguiu pelexando e empatou novamente (2-2) a falta de pouco tempo para o final. Parecía que a morte súbita estaba a punto de chegar, pero a ambición de Juan levoulle a buscar o punto decisivo no último segundo e o que recibiu foi un punto en contra que apagou as súas ilusións (3-2). Unha magnífica competición freada da forma máis brusca posible, no último segundo.

También te puede interesar