_agenda Agenda

Baby, ti tes moito swing!

Festival Internacional de Jazz de Vigo Imaxina Sons trae durante toda a xornada de hoxe (12, 17:30 e 19 horas) o primeiro espectáculo infantil do programa, moi oportuno agora que os máis pequenos da casa remataron as clases. Trátase de ‘Botazz! O swing do jazz’, que chega ao recén remodelado Auditorio Municipal da man da compañía Galitoon cunha obra teatral con música en vivo na que se narra a historia dun can con pouco ritmo posto en apuros por uns felinos vagabundos e pícaros con moito swing.

No espectáculo empregarase a técnica de luz negra e monicreques fluorescentes e incluirase a interpretación musical como parte fundamental da montaxe. O obxectivo é atraer aos rapaces a partir de 3 anos cunha proposta que sirva para entreter aos pequerrechos, pero tamén aos adultos que os acompañen.

As entradas, que custan 3 euros, xa podes compralas en Caixanova.

También te puede interesar