Cultura Destacados

Peles coas que cubrir os nosos soños

Érase unha vez unha nai e unha filla namoradas dos libros e dos seus mundos de fantasía. E tiñan un sono: crear unha librería para poder lelo todo e vender os libros que as engaiolan. Tras moito tempo dándolle voltas, ás veces en redondo,acabaron en doutor Cadaval con López de Neira, onde hoxe abre as súas portas a librería Peles Guedellas.

E nace cunha homenaxe a José María Dotras Alonso que se reflicte ata no nome, que leva o alcume que lle tiñan polo seu pelo negro, brillante e encaracolado. O de Guedellas é unha chiscadela literaria en galego ao Struwwelpeter do doutor Heinrich Hoffmann, publicado inicialmente en 1845. Todo a pesar de non concordar co moralismo evidente na literatura infantil, do que non pode escapar Pedro Guedellas, polo contorno, o surrealismo desmesurado dos finais na obra divírtenos e tráenos lembranzas doutras épocas.

Esta librería pretende crear un espazo diferente, acolledor, onde ler e parolar, onde recollerse se caen chuzos de punta ou o sol a plomo, onde non só se compren libros, senón que tamén se vexan actividades literarias, culturais e artísticas. Desde formación de corte académico, aínda que non formal, coa promoción da lectura e do coñecemento dos clásicos infantís enfocado a profesores, bibliotecarios ou pais, por exemplo, ata obradoiros para nenos.

E nada millor para a inauguración que teatro do bo. Cris Collazo, mestra especializada en infantil e literatura, actriz e poeta, chega coa súa Compañía de Teatro Sumerxido a estrear a súa primeira obra de teatro infantil, ‘De noite, as bonecas… recordan’. Unha peza clásica, estruturada, divertida, rítmica, sensible e doce para todos aqueles que queiran disfrutar dela. Será hoxe ás 12 horas e a entrada custa 3 euros. E haberá sorpresas, contos de bonecos con corazón e historias de xoguetes.

Vén descubrir este recuncho!

También te puede interesar