Destacados Vigo al minuto

O BNG pide a retirada do Plan do Litoral por pechar Vigo ao mar

Bloquea o ordenamento urbanístico da cidade e condiciona de forma importante a recuperación de Samil. Por iso, o grupo municipal do BNG levará ao vindeiro pleno unha moción urxente para pedir a retirada do Plan de Ordenación do Litoral promovido pola Xunta e que non está adaptado á lexislación urbanística actual, polo que obrigaría a modificar un Plan Xeral xa aprobado para poder desenvolver algunhas actuacións.

Sen “límites á expansión do Porto nin ningunha medida para conservar a ría”, segundo o BNG o Plan consolida regatos que xa non existen, como o que acontece en Oia o Saiáns, onde crea un nivel de afectación de 250 metros que impide o desenvolvemento urbanístico, e delimita mal zonas como Navia, Alcabre, Canido, Coruxo e Castrelo, polo que 1.000 edificacións quedarían fóra.

Coas actuais delimitacións do Plan do Litoral condiciónanse seis núcleos fundamentais para a rexeneración das dunas e a recuperación do areal de Samil obrigando a abrir un novo proceso de expropiacións. Os nacionalistas presentarán as súas propias alegacións antes do 15 de maio e informarán a colectivos e asociacións nun acto conxunto o vindeiro 6 de maio no que participará a deputada Teresa Táboas.

También te puede interesar