_agenda Agenda

Berrogüetto chega coa súa filosofía verde a Caixanova

O grupo galego Berrogüetto. Foto: Karlos Abal.
O grupo galego Berrogüetto. Foto: Karlos Abal.

Rosa Aneiros e Manuel Rivas axudaron ao grupo galego Berrogüetto a preparar o seu último disco, que presentarán o vindeiro xoves (21 h) no Centro Cultural Caixanova. Os galegos traen baixo o brazo ‘Kosmogonías‘, unha síntese entre música, filosofía e ecoloxía co que avanzan na súa traxectoria que comezou en 1995 cando seis músicos de procedencias dispares se xuntaron coa intención de levar a música tradicional un paso máis aló experimentando con novas sonoridades.

O grupo chega a Vigo, “o Liverpool da música folk galega” tendo en conta o panorama musical dos últimos 40 anos. E faino con 11 cancións “nas que están o alento de todos os músicos da formación, no que expresamos os berros fundamentais para o grupo, o berro das mulleres, do mar e da terra”. Todo nunha necesidade de mellorar a súa relación co planeta.

A recadación irá destinada á Fundación Manuel María para a apertura dunha casa museo en Outeiro de Rei. Xa podes conseguir a túa entrada entre 7 e 14 euros na web de Caixanova, chamando ao 902 504 500 ou na taquilla a mesma tarde do concerto.

Para ir abrindo boca, Berrogüetto estará asinando discos a tarde antes (14 de abril, 19:30 horas) no Corte Inglés de Vigo.

También te puede interesar