_agenda Agenda

Tui coroa ás súas raíñas para festexar San Telmo

As festas patronais na honra a San Telmo, patrón de Tui, comezan de xeito oficial hoxe (19 horas) no Teatro Municipal coa coroación das raíñas das festas e a lectura do pregón a cargo de Xosé Areses Vidal, un tudense de 35 anos licenciado en Dereito e que pertence dende hai 7 anos ao corpo superior de Administradores Civís do Estado.

Será neste festexo cando sexa nomeada como raíña infantil das festas Tatiana Alonso Pérez, acompañada de Rocío Pazos García e Marta Romero Salgueiro como damas de honra. A coroa de raíña xuvenil recaeu en María Otero Díz, sendo as súa damas Lupe Pérez Fuente e Jessica Casal da Veiga Pazos. Elas serán as encargadas de representar á poboación tudense nos diversos actos durante as festas.

Pero non serán os únicos actos por San Telmo. Mañá o Teatro Municipal acollerá o Festival Folclórico con 7 agrupacións locais que sairán en desfile ás 17:30 horas da Praza de San Fernando e que actuarán durante 10 minutos ofrecendo unha pequena mostra do seu repertorio de danza e canto tradicional no teatro a partires das 18 horas.

A entrada é libre para ver aos grupos folclóricos das asociacións culturais de Randufe, Paramos, Ribadelouro, Pexegueiro, Pazos de Reis, Areas e Rebordáns.

También te puede interesar