RGPD - Cookies
Cultura Destacados

Máis de 200 espectáculos na programación do Xacobeo para abril

CirqueduSoleilPictureDende o mellor da música clásica ata os sons de vangarda, pasando polo maior espectáculo de circo do mundo, teatro ou exposicións. Estas son as propostas de Xacobeo 2010 ofrecerá para o mes de abril na súa variada programación, dirixida a todo os públicos e que chega a toda a xeografía galega. En total, desenvolveranse 210 eventos, nos dez camiños da programación do Xacobeo 2010, que continuará co ciclo Xacobeo Classics, ademais de celebrarse destacadas actuacións musicais como a da mezzosoprano Cecilia Bartoli, Los Secretos, Marlango ou Raphael. Asemade, os escenarios vibrarán cos espectáculos do musical Febre do sábado noite e do esperado Cirque du Soleil e os máis pequenos poderán gozar co ciclo de cinema Animaladas e o V Festival de Folclore Xuvenil Queixume dos Pinos.

Continuando co programa do Xacobeo Classics, o Camiño da Música traerá unha das actuacións máis destacadas será a da mezzosoprano italiana Cecilia Bartoli no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela o vindeiro 14 de abril a partir das 21.00 horas. Despois de varios anos de espera, estará en Galicia por primeira vez, dentro da súa xira polas principais capitais do mundo. Xunto coa súa orquestra habitual, La Scintilla, interpretará unha selección de arias de óperas de autores como Porpora, Vinci ou Hasse, que se pregaron no seu día aos incribles recursos vocais dos “castrati”.

 

Dentro do mesmo ciclo, o 17 de abril a Compañía Lírica Ofelia Nieto ofrecerá un concerto no Hotel-Balneario de Mondariz e case a finais de mes, o día 28 e o 29, será a quenda da orquestra da Academy of Saint Martin in the Fields, no Auditorio Municipal de Ourense e no Centro Cultural Caixanova de Vigo, respectivamente. Pecharán o ciclo, por este mes, as interpretacións de Ann Hallenberg en II Complesso Barrocco de Alan Courtis no Círculo das Artes de Lugo e a representación da Asociación Galega de Compositores no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, ambas o día 30.

Os primeiros días de mes, ata o 3, acollerán a recta final do Festival de Músicas Contemplativas en Santiago de Compostela, que recolle os sons máis evocadores. Pola súa banda, continúa, tamén, o ciclo de música feita en Galicia Xacobeo Raíces que ofrecerá os concertos de VL&R e Malvela, o vindeiro 3 de abril no Auditorio Municipal de Ourense; ademais das actuacións de Susana Seivane en Vigo o 9 de abril e acompañada por Quempallou o 24 en Lugo, o 10 actuarán Cristina Pato e Mutenroi en Ferrol e Brath e María do Ceo farano en Vilalba o 17.

 

A peregrinación musical de Xacobeo 2010 traerá, na súa programación conxunta con Caixanova, tamén, o concerto de Los Secretos, formación nada nos anos oitenta e que está identificada pola inconfundible voz e guitarra de Álvaro Urquijo. Cun longo percorrido ás súas costas, a formación conta cun son propio e atemporal, fuxindo das modas, e dela naceron algunhas das mellores cancións do pop en español. Será o 8 de abril no Centro Sociocultural de Caixanova en Vigo. O Camiño da Música continuará ata A Coruña, onde a banda da actriz Leonor Watling, Marlango, actuará o próximo 9 de abril. Será no Teatro Colón, onde presentará o seu cuarto traballo, Life in a tree house, e deleitará ao público do Teatro Colón coa súa música elegante e nocturna.

 

Atendendo á heteroxeneidade da programación de Xacobeo 2010, tamén pisará terras galegas o incombustible cantante Raphael, quen de seguro revolucionará o Teatro Colón en A Coruña, onde estará o 23 e 24 de abril; continúa o Festival Sinsal en Vigo con actuacións como a de Lisa Germano & Phillip Selway, batería do grupo Radiohead, o vindeiro 5 de abril, o dueto xaponés de cabaret Kokusyoku Sumire o día 30; Oneothrix Point Never (23 de abril) ou Juana Molina (día 29); o concerto do grupo de música folk Lovely Luna na cidade olívica o 21 de abril.

 

O 30 de abril a localidade coruñesa de Ordes converterase un ano máis no epicentro musical galego coa celebración da II Gala contra o Cancro, que na edición anterior reuniu a máis de 50.000 persoas e que contou coa participación de artistas de carácter internacional.

Ese mesmo día dará comezo o Festival do Norte, a cita do pop-rock independente de Galicia que se celebra en Vilagarcía de Arousa. Do 30 de abril ao 1 de maio, sucederanse as actuacións de formacións como Nada Surf, Pete and the Pirates, JJ, We are Standard, La bien querida, Nudozurdo, Emilio José e DJ Polar. Considerado un dos mellores de España polas revistas musicais máis prestixiosas, como Rockdeluxou Go Mag.

 

O maior espectáculo do mundo

Con todas as localidades que saíran á venda esgotadas,chega a Santiago o maior espectáculo do mundo, o que ofrecerá o Cirque du Soleil do 21 ao 25 de abril, dentro do Camiño das Artes Escénicas. Representará o espectáculo Saltimbanco, do italiano “saltare in banco” que significa literalmente “saltar nun banco”, no que farán unha exhibición de acrobacias e maxia. O Cirque du Soleil invita ao espectador a acompañalo a un mundo onírico, unha peculiar cidade imaxinaria, da man dun elenco de personaxes composto por 95 artistas de 20 nacionalidades distintas, nunha viaxe alegórica e acrobática posible grazas aos 140 profesionais do equipo de produción, a 180 toneladas de equipos e 1.200 pezas de vestiario, que conforman o equipo de Saltimbanco, dirixido por Franco Dragone. Fundado en 1984 en Canadá por dous artistas da rúa, o espectáculo do Cirque du Soleil mergulla á audiencia nunha sucesión de música en vivo, tramoias e acrobacias. Saltimbanco percorre os escenarios de todo o mundo desde 1992 e xa conta con 5.000 representacións ás súas costas e máis de 10 millóns de espectadores.

 

Por outra banda, seguindo esta mesma ruta das Artes Escénicas, na programación conxunta con Caixanova, Xacobeo propón, tamén, unha viaxe musical baseada na célebre película Fiebre del sábado noche, que supuxo o lanzamento de John Travolta coa súa interpretación dun personaxe que conta cun lugar privilexiado na sétima arte: Tony Manero. Nesta ocasión, será a cidade de Pontevedra a que vibrará do 14 ao 18 de abril coa historia de Nik Cohn, adaptada para os escenarios por Nan Knighton en cooperación con Arlene Phillips, Paul Nicholas e Robert Stigwood.

 

 

Teatro especial

Outra das citas destacadas é a Mostra de Teatro Especial Galicia 2010, organizada pola Fundación Ánade, e que se celebrará no Auditorio Gustavo Freire de Lugo dende o 5 de abril. O obxectivo é proporcionar un espazo para que compañías e grupos de teatro de persoas con discapacidade poidan chegar ao público coas súas propostas escénicas, tendo como valor fundamental o feito de que o teatro é un bo camiño para a inserción social e laboral para este colectivo. En paralelo, desenvolverase un obradoiro formativo e de balde.

   

Exposicións

Dentro do Camiño Contemporáneo iniciará a súa andaina a exposición itinerante En Camiño, un relato visual e poético da peregrinación a Compostela en terras galegas. Composta por un vídeo documento e unha serie de fotografías sobre a peregrinación xacobea nas rutas galegas, en especial o Camiño Francés e a súa prolongación cara Fisterra. Compleméntase con imaxes de Compostela, ademais dun vídeo protagonizado por peregrinos procedentes de Alemaña, Francia, Inglaterra, Australia, América Latina e diferentes comunidades autónomas de España, onde relatan a súa experiencia mentres camiñaban por distintas paraxes do Camiño francés.

 

Continúa, asemade, o ciclo Portos Xacobeos, que se desenvolverá en 15 vilas costeiras galegas e que neste mes recalará nos concellos coruñeses de Ribeira e Pontecesures con exposicións e conferencias para resaltar a vinculación que existe entre o mar e as rutas xacobeas.

 

Para os máis pequenos

Dentro das actividades que Xacobeo ten preparadas para os máis pequenos no Camiño Infantil, este mes pasarano en grande tomando parte do V Festival de Folclore Xuvenil Queixumes dos Pinos, que animará coa música e as súas danzas tradicionais a cidade de Ourense, Barbadás, Nogueira de Ramuín e A Peroxa do 26 de abril ao 2 de maio.

Grupos de Rusia, Italia, Serbia, Bulgaria, Lituania, Portugal e Romanía, únense na festa ás formacións de escolas e grupos de toda Galicia e España, así como pola propia asociación. Ademais do baile, que se desenvolverá nun grande escenario, haberá postos de ocio, atraccións infantís, expositores con alimentos característicos galegos e todo o necesario para gozar do evento. Culminará co espectacular desfile dos farois Pola tolerancia entre os pobos no que todas as compañías internacionais escenificarán a súa unión a través da danza.

 

Ademais, do 10 ao 24 de abril, dentro da programación conxunta con Caixa Galicia, celebrarase o ciclo audiovisual Animaladas, enfocado ao público máis mozo e que presenta seis filmes protagonizados por animais como Happy Feet, Horton, Os Aristogatos, Pompoko, Robin Hood e Wallace e Gromit: a maldición das verduras; que se proxectarán nos centros e fundacións de Caixa Galicia sitos nas cidades de Santiago, Ourense, Ferrol, A Coruña, Lugo e Vigo, respectivamente, ás 18.00 horas.

 

 

También te puede interesar