Galicia

A Xunta empeza a tramitar as axudas para a compra de equipos de recepción por satélite da Televisión Dixital Terrestre

TDTA Xunta de Galicia está xa a tramitar axudas para a adquisición de equipos de recepción por satélite en zonas sen cobertura terrestre de TDT, tal e como xa anunciara en distintas ocasións no Parlamento de Galicia o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.

Estas axudas irán destinadas a persoas de colectivos en risco de exclusión social e serán tramitadas en colaboración cos concellos, instaladores e as deputacións provinciais interesadas.

O Plan Técnico Nacional de TDT, aprobado polo Goberno central, establecía para Galicia unha cobertura de TDT do 98 %. O Goberno galego pola súa parte fixou como compromiso chegar ao 100 % de cobertura. Nestes momentos xa é do 99 % e durante os próximos días, unha vez concluída a transición de sinal analóxico a dixital, técnicos da Xunta e das empresas instaladoras certificarán as distintas zonas sen cobertura terrestre, un requisito necesario para a instalación de equipos de recepción por satélite.

Para o Goberno galego unha das prioridades nestes últimos meses foi, primeiro, completar a instalación e equipamento dos centros emisores dixitais para lograr a máis ampla cobertura dixital. En segundo lugar, identificar as zonas sen cobertura terrestre, algo que xa se está a completar nas provincias da Coruña e Ourense, e que se inicia agora nas de Lugo e Pontevedra. O reto era que ningún galego quede sen TDT por razóns xeográficas ou sociais, polo que se procedeu tamén a instalar canto antes equipos de satélite cando xa estaban totalmente certificados os lugares.

Ás axudas que se publicarán proximamente poderán acollerse tódalas persoas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión social, e irán destinadas tanto aos que vaian a instalar equipos satélites como, con carácter retroactivo, aos que xa o fixeran. Neste sentido o Goberno galego puxo en marcha varias unidades móbiles que percorren Galicia para poder tamén identificar a persoas sen cobertura dixital que por distintas razóns non informaron nin aos concellos, nin a instaladores nin ao 012 ou a Oficina Técnica da TDT.

También te puede interesar