_agenda Agenda

Os restos do Apóstolo agóchanse en Vigo

As táboas do Centro Cultural Caixanova serán o esceario ideal para a historia máis escura do noso Xacobeo. Esta noite (20:30 h) o Centro Dramático Galego interpretará ‘As actas escuras’, unha das obras máis ambiciosas de Roberto Vidal Bolaño con 14 actores no escenario dirixidos por Xulio Lago e con vestiario de La Canalla.

Un drama sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética no que se reflicten tanto a forza simbólica como o espírito crítico característicos de Bolaño, un dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo. A obra, Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992, sitúase nun Ano Santo no século XIX, cando se poñen en marcha unhas escavacións na procura da tumba do Apóstolo desaparecida 400 anos antes, pero tamén fala doutros temas coma os malos tratos, a consideración social da muller, a liberdade de culto e de ensinanza.

Á riqueza do texto hai que engadirlle o elevadísimo nivel do elenco electoral, encabezado por Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ e Ricardo de Barreiro. Xogando cos xiros de varios paneis móbeis, o espazo escénico e o atrezzo deseñados por Rodrigo Roel facilitan os rápidos cambios de escena e ambientación que guían ao espectador nun percorrido pola cidade: a vella estación de Cornes, unha fonda, o café El Siglo, un salón de barbeiro, os sotos da catedral, os salóns do palacio arcebispal…

A peza acaba nunha sorprendente aposta pola defensa da razón, da verdade e da beleza mundana e vital que se agocha nas palabras dun cuplé. Aínda estás a tempo de conseguir a túa entrada (entre 3 e 9 euros) na web de Caixanova, chamando ao 902 504 500 ou a partires das 18 horas na taquilla do teatro.

You may also like