Destacados Vigo al minuto

Xynthia deixa Pontevedra para irse á Coruña

tormentaO conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, reiterou esta tarde a importancia de extremar as precaucións e seguir as recomendacións ante o paso do temporal Xynthia por Galicia, e instou á poboación a que manteña as medidas de precaución “extremas” ata que “se desactive a alerta vermella”.

Durante a comparecencia ante os medios de comunicación desde o Centro de Atención ás Emerxencias 112-Galicia, Alfonso Rueda referiuse a algunhas das incidencias rexistradas nas estradas, na súa meirande parte das provincias de Ourense e Pontevedra, por onde xa pasou o temporal. Tamén sinalou que se rexistraron incidencias relacionadas con caídas de árbores e postes na provincia de Pontevedra e Ourense e nalgúns colexios, como en Sanxenxo.

De igual xeito, explicou que houbo “pequenos cortes de subministro eléctrico” que, ás 18,00 horas afectaban, aproximadamente, a uns 27.000 abonados. O conselleiro de Presidencia remarcou que, grazas ao traballo dos máis de 1.500 efectivos das brigadas da Consellería do Medio Rural, das empresas subministradoras e dos voluntarios de Protección Civil se está accedendo “con facilidade” aos sitios onde se produciron caídas de árbores e se está reparando esas perdas de subministro “con celeridade”.

Respecto aos encoros, o conselleiro confirmou que se volveron abrir as comportas do encoro de Belesar, que está liberando neste intre 600 metros cúbicos por segundo, e tamén as do encoro de Salas, que desauga menor cantidade.

Traxectoria do Xynthia

O titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza confirmou que o Xynthia entrou polo sur de Galicia e afectou primeiramente ao sur das provincias de Ourense e de Pontevedra onde, ás 18,00 horas os ventos continuaban sendo fortes pero “comezaban a amainar”. O temporal diríxese nestes intres cara ao norte e a previsión é que arredor da media noite abandone a comunidade galega.

O titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, pola súa banda, destacou que as previsións de Meteogalicia “se cumpriron” e que neste momento a borrasca evoluciona en dirección ao norte das provincias da Coruña e Lugo, por onde previsiblemente abandonará Galicia á media noite.

Alfonso Rueda remarcou que o Comité de Crise de seguimento do temporal “segue a traballar coordinadamente, está traballando xa desde esta mañá” e así o fará ata que o temporal abandone a comunidade. “O 112 está atendendo a chamadas sen problemas de colapso”, asegurou, lembrando que na sede do 112 se teñen atendido ata as 16:00 horas arredor de 600 incidencias, seis veces máis que un día normal, e que ás 15,00 horas rexistrara máis de 1.000 chamadas”.

Salientou que o operativo está, neste momento, “a pleno rendemento” e informou de que así seguirá “ata que se levante a alerta vermella”. Rueda manifestou que “se fixo un bo labor de prevención” e sinalou que hai miles de efectivos mobilizados neste intre dos que algúns non tiveron que actuar.

You may also like