O Casco Vello inaugurou hoxe a rede Wimax, un sistema co que se ofrece acceso a internet de balde en 14 espazos públicos da cidade. Cun orzamento de 750.000 euros financiados a través do Plan E, esta rede pretende redundar na recuperación e revitalización deste barrio histórico como complemento ás humanizacións, á rehabilitación de edificios e á instalación de novos servizos.
Trátase dunha rede de banda ancha, sen cable e cunha capacidade de 14 megas con catro puntos de emisión para cubrir toda a cidade: o Concello, O Castro, Domaio e o Meixoeiro. Con ela poderás conectarte a internet a través dunha conta de correo electrónico que dá acceso a un portal de benvida con información de Vigo e dispoñible en 14 espazos públicos (Praza da Constitución, Porta do Sol, Praza do Berbés, Paseo de Alfonso, A Pedra, polideportivo do Berbés, nas piscinas de Lavadores, Teis e Valadares, os polideportivos de Bouzas, Coia e Lavadores e os complexos deportivos de As Travesas e Samil).
Esta rede tamén se poderá empregar para uso interno en dependencias municipais, que contarán con pantallas multimedia para que os cidadáns coñezan as actividades que se desenvolven en Vigo.