Galicia Vigo al minuto

Un portátil por ter o mellor rendemento académico de Galicia

Acaban de rematar a ESO e superaron o ciclo cunha media superior a 9. E iso valeulles un ordenador portátil de premio, un diploma acreditativo e varios agasallos da Consellería de Educación e Caixanova. Son os 40 alumnos aos que se lle acaba de conceder o premio ao rendemento académico e ao esforzo e superación persoal.

Para demostrar o que saben e obter o premio tiveron que someterse a unha proba en dúas partes nas que se valorou obxectivos e competencias básicas acadadas en competencias social e cidadá, en comunicación lingüística e matemática, tendo que acadar polo menos  cinco puntos en cada unha delas.

Para quen?

Estes premios van dirixidos a alumnos que proceden de contornos socioculturais desfavorecidos ou de contornos que supoñan unha desvantaxe manifesta para conseguir rematar os seus estudos ou limitacións no acceso e permanencia na escolaridade. Ademáis, tamén poden sumarse estudantes estranxeiros de incorporación tardía ou en proceso de superación de enfermidades crónicas.

Con estes premios, a Consellería de Educación e Caixanova seguen a dar pulo á educación de calidade en Galicia, co obxectivo de conseguir un sistema de ensino baseado na responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal. Ademais, foméntase o desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe e a confiar nas súas aptitudes e coñecementos, na súa creatividade, iniciativa persoal e espírito emprendedor.

You may also like