Vigo al minuto

Potencian o Camiño de Santiago que levan dentro de xeito bonito e barato

Octavio Rodríguez é un dos participantes na iniciativa.
Octavio Rodríguez é un dos participantes na iniciativa.

No Ano Santo non todo ía ser para Santiago. Un equipo de investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo está desenvolvendo un estudo sobre as campañas de promoción e imaxe do Camiño Portugués promovidas polos concellos da provincia de Pontevedra para animalos a aumentar as súas accións divulgativas e contribuir ao desenvolvemento local.

A finais de febreiro terán nas súas mans a versión definitiva dun documento con conclusións e suxestións, así como cunha proposta de publicación e outra de páxina web sinxelas e económicas, para que os concellos poidan usar estes materiais este ano. “Trataríase dun modelo sen grandes pretensións, para cumprir o noso obxectivo primordial, que é transmitir a importancia de comunicar de xeito eficiente os recursos turísticos de ámbito local que conforman un dos camiños de maior tradición da ruta Xacobea, o Portugués, xusto no momento no que se vai celebrar o Ano Santo 2010, despois do que non haberá outro ata o 2021”, precisa o coordinador do grupo Octavio Rodríguez.

Os investigadores cren que existe unha necesidade de que organismos a nivel municipal se preocupen por poñer en valor o seu traxecto do Camiño. Para o modelo de guía escolleron de exemplo o concello de Portas, polo que tan só pasa un quilómetro da ruta. Pretenden demostrar así, que por moi breve que sexa, o Camiño é a mellor oportunidade para poñer en valor o patrimonio monumental, paisaxístico e cultural dos concellos e dinamizar o seu sector turístico.

A recollida dos datos

Os investigadores puxéronse en contacto cos municipios para recoller información sobre as localidades, así como o material promocional editado durante o verán de 2009 e de facer un estudo dos recursos na rede. En novembro organizaron un focus group, no que interviñeron publicistas, xornalistas, técnicos municipais, axentes de desenvolvemento local, xestores culturais e os presidentes das Asociacións de Amigos dos Pazos e Amigos para facer unha posta en común que contribuísen á elaboración desa estratexia promocional.

As conclusións: que existe un descoñecemento da realidade material que supón o Camiño, o que se traduce nunha baixa promoción, que cifraron nun 15%. E os concellos atribúen esta carencia a cuestións orzamentarias e amosan receptividade ante a proposta dos investigadores, polo que se esperan un resultados frutíferos.

También te puede interesar