Galicia

Os 177 centros con Clubes de Lectura recibirán axudas

Arredor de 5.000 membros da comunidade educativa vanse ver beneficiados polas axudas específicas para o funcionamento de clubs de lectura que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder a 177 centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial – escolas de idiomas ou conservatorios-.

As contías concedidas, que van dos 400 euros aos 1.200 euros, deberán destinarse a sufragar os gastos derivados das actividades que se van desenvolver nos clubs, co fin de procurar un clima favorable á lectura no centros educativa e promover este hábito entre o alumnado e os distintos sectores da comunidade escolar.

En total, foron 177 os centros educativos das catro provincias galegas beneficiados por esta convocatoria, que reparte axudas por un importe global de 130.000 euros. A relación de centros que obtiveron axudas pode ser consultada no portal educativo da Xunta de Galicia – http://www.edu.xunta.es/portal/-.

Participación de toda a comunidade escolar

A dos Clubs de Lectura é unha iniciativa pioneira no panorama das Comunidades Autónomas, pois foi a administración educativa galega a primeira que incentivou a súa creación en centros de ensino secundaria. A acollida desta proposta foi excelente, e pasouse dos 104 clubs de lectura que participaron na primeira convocatoria, aos 177 que conseguiron axudas na que se vén de resolver. Non en balde, na actualidade o 48% dos centros públicos de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial conta con algunha destas achegas económicas para promover o hábito lector.

Arredor de 5.000 membros desta comunidade escolar galega están implicados nesta iniciativa, reuníndose de forma periódica –cada semana ou cada quince días-, nas bibliotecas escolares e en horario extraescolar, para falar de libros e compartir a súa experiencia lectora.

Os clubs de lectura son espazos de socialización e de convivencia, nos que todos os participantes aprenden a escoitar a opinión dos outros e modulan o seu rexistro para expoñer a opinión propia no seo do grupo, de forma cordial, correcta e coherente.

Ademais, e como complemento ás sesións presenciais, moitos clubs de lectura contan con blogues ou páxinas web, a través dos que seguen as súas respectivas actividades. Para facilitar esta comunicación, a Asesoría de Bibliotecas escolares da Consellería de Educación puxo en marcha o blogue ‘Ler en Mancomún’ – http://lerenmancomun.blogspot.com, que recolle os enlaces a todos estes clubs virtuais. Tamén se puxo a disposición dos clubs un espazo para o intercambio de lotes de libros en préstamo temporal, unha sorte de banco de libros que funciona de xeito sinxelo pero eficaz, denominado ‘Libros a Eito’, ao que se pode acceder no enlace http://librosaeito.blogspot.com . Este espazo web recolle as propostas dos centros que ofertan libros, polo que os interesados só teñen que porse directamente en contacto co centro ofertante e acordar a forma de recoller ou entregar os lotes, e o prazo de préstamo.

También te puede interesar