Vigo al minuto

Vigo véndese en Fitur co obxectivo de desestacionalizar o turismo

Santi Domínguez e Font en Fitur.
Santi Domínguez e Font en Fitur.

Vigo presentou na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2010, a súa oferta turística “aspirando a que a nosa cidade sexa un destino de visita obrigado calquera día do ano”, segundo explicou na súa intervención o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez. Co obxectivo de desestacionalizar o turismo, a cidade amosouse como un destino urbano e de ría, que este ano celebra o seu Bicentenario e no que se van desenvolver ao longo de todo o ano un amplo programa de grandes aconcementos culturais, deportivos e festivos.

Santi Domínguez puxo en valor a oferta de Vigo como destino turístico. Afirmou que é facilmente comprobable achegándose á nosa cidade e aproveitando todos os recursos que pon ao dispor do visitante. Afirmou que calquera que veña quedará prendado, porque “Vigo, hai que velo para querelo”, facendo referencia ao lema da campaña turística da cidade.

No camiño iniciado para lograr a desentacionalización do noso turismo, o tenente de alcalde salientou a importancia das dúas ferramentas das que se ven de dotar a Cidade, como son o Plan de Competitividade Turística e o Vigo Convention Bureau. Son a base dun traballo no que tamén xoga un papel destacado a organización de grandes eventos, que forman o “menú” que o Concello ten preparado para que en calquera momento do ano sexa atractivo achegarse a Vigo. A Festa da Reconquista, a Festa do Marisco, as Festas de Vigo, a Copa do Mundo de Saltos, o Foro Mundial Fisuo, o Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo ou a Semana Náutica do Atlántico, foron os eventos que Vigo presentou en Fitur como mostra da súa oferta.

O tenente de alcalde sinalou que, ademáis do amplo abano de recursos turísticos que ofrece Vigo e da variada progamación de grandes acontecementos, este ano Vigo quere tamén aproveitar a celebración do Ano Xacobeo. O obxectivo é que caquera visitante que se achegue a Santiago, non se vaia de Galiza sen achegarse a Vigo. Santi Domínguez lembrou que ademáis Vigo conta cunha das rúas xacobeas, o Camiño Portugués pola Costa.

A presentación iniciouse cun breve repaso dos acontecementos que deron orixe á que Vigo fora nomeada cidade, hai agora 200 anos, por parte do xornalista e investigador histórico, Eduardo Rolland. Explicou que nestas dúas décadas, que pasaron a través de 73.000 días, Vigo foise facendo como cidade. Na súa opinión, “o máis importante son cada un deses días nos que o sol salía por Rande e desaparecía polas Cíes”. Rolland dixo que os vigueses e as viguesas “estamos desexosos de compartir con todo os que se acheguen can dun deses días”.

A xefa da área de servizo de Turismo do Concello, Pilar Díaz de Bustamente, foi a encargada de debullar os aspectos máis salientables do Plan de Competitividade Turística, que nos vindeiros tres anos vai investir 3,9 millóns de euros para impulsar o destino turístico de Vigo. Explicou que o plan suma á condición de turismo urbano que de por si ten a nosa cidade, tamén o de ría que confire o inigualable marco que a acolle e que constitúe o elemento que ofrece singularidade á nosa oferta. Segundo indicou Pilar Díaz, o plan basea a súa actuación extratéxica na planificación, na calidade, no marketing e na comercialización do produto. Adiantou que o 50% do orzamento destinarase precisamente a eses dous últimos segmentos.

En canto á Fundación Vigo Convention Bureau o seu xerente, Javier Arnau, centrou o seu obxectivo na promoción da cidade como referente para a celebración de congresos, viaxes de incentivo, simposios e eventos en xeral. Fixo fincapé en que vai ser “unha ferramenta estratéxica” e “ente colaborador” coas diferentes entidades da cidade e as súas empresas, para traballar no obxectivo común de posicionar a Vigo a nivel nacional e internacional. Javier Arnau avanzou que en breve se vai presentar “un plan de actuación sen complexos, porque nos vemos con capacidade para posicionarnos en todos os mercados”.

Na presentación particiou tamén o presidente da Federación de Hosteleiros, José Magaz, que se referíu  á posición privilexiada que ten Vigo, xa que permite que os mellores pescados e mariscos cheguen do mar á mesa nun breve espazo de tempo. “Esta posibilidade permite que ese produto está un 20% mellor”, afirmou.

Pola súa banda, José  Manuel Barbosa, presidente de Asehospo, fixo referenza a que o 18% da oferta de camas de Galiza está en Vigo e a súa área. Ademáis de sinalar a gran capacidade hoteleira e a súa calidade, afirmou que a nosa cidade é despois de Santiago o segundo destino turístico.

  • Sorteo de viaxes a Vigo
  • No sorteo da viaxe participaron máis de 4.000 persoas.
    No sorteo da viaxe participaron máis de 4.000 persoas.

Durante a xornada na que Vigo foi protagonista en Fitur, sorteáronse dúas viaxes para dúas persoas. Os agraciados poderán gozar dunha estadía na nosa cidade a fin de semana na que se celebra a Festa da Reconquista. A iniciativa, posta en marcha o ano pasado, foi un éxito. Máis de 4.000 persoas participaron no sorteo.

También te puede interesar