Vigo al minuto

O Cetmar de Vigo, crea a Rede Ibeoamericana de Investigación Pesqueira

PescaO Centro Tecnolóxico do Mar ven de participar na creación e posta en marcha da “I Rede de Cooperación Iberoamericana en Investigación Pesqueira” na que se integran investigadores de organismos e institucións de preto de 20 países. A rede foi promovida polo Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC e polo Instituto Español de Oceanografía, e a Fundación CETMAR faise cargo da secretaría técnica. Este novo organismo, que xorde para promover a cooperación no ámbito da investigación pesqueira e do desenvolvemento tecnolóxico, estará operativo a partires do ano que acaba de comezar.

Mapa de investigación

A primeira actividade que levará a cabo esta nova organización será a elaboración dun mapa de investigación pesqueira en Iberoamérica. Tanto no deseño dese mapa coma na definición da estrutura e contidos da rede tomarán parte todos os seus membros. Para esta última tarefa fíxase un prazo dun ano.

No marco da rede desenvolveranse tamén proxectos específicos de interese común nos que poderán participar todos ou algún dos seus integrantes. As temáticas a abordar serán principalmente a avaliación e a sustentabilidade dos recursos, o enfoque de ecosistema, o desenvolvemento tecnolóxico ou aspectos económicos ou sociais, entre outros. Outro dos obxectivos é a incorporación das demandas socioeconómicas artesanais, a investigación pesqueira mariña e continental, así como o intercambio de experiencias en canto a sistemas de investigación de diferentes pesqueiras.

A posta en marcha da “I Rede de Cooperación Iberoamericana en Investigación Pesqueira” xurdiu no marco dunha mesa de traballo entre representantes de institucións de investigación pesqueira de relevancia en Iberoamérica que tivo lugar a finais de novembro organizada no seo do “I Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reproductiva, Recrutamento e Pesqueiras (SIBECORP)”.

Nese encontro participaron representantes de institucións de 18 países, como é o caso do Instituto Nacional de Investigación y Desarrollo Pesquero de Arxentina, da Universidade Federal do Paraná en Brasil, da Universidad Arturo Prat de Chile, e da Universidad de Bogotá en Colombia. Asistiron tamén representantes do Instituto Nacional de Pesca de Ecuador; do Centro de Investigación y Estudios Avanzados do Instituto Politécnico Nacional en México; do Instituto del Mar de Perú; da Dirección Nacional de Recursos Acuáticos de Uruguai; do Instituto Socialista de Pesca de Venezuela, e do Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar de Portugal, ademais dos países de Centroamérica (Belice, Costa Rica, Panamá, Nicaragua, Honduras, Guatemala e El Salvador) representados pola Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola do Istmo Centroamericano -OSPESCA-.

Entre as institucións españolas que forman parte da “I Rede de Cooperación Iberoamericana en Investigación Pesqueira” están, ademais do Centro Tecnolóxico do Mar, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, e o centro tecnolóxico AZTI-Tecnalia.

 

También te puede interesar