RGPD - Cookies
Cultura Vigo al minuto

O Centro Galego de Fotografía estará en Vigo no 2011

visita ao lugar onde estará o Centro Galego de Fotografía.
visita ao lugar onde estará o Centro Galego de Fotografía.

O tenente de alcalde destacou este mércores que o novo Centro Galego de Fotografía, que se ubicará nun inmoble da rúa Eduardo Chao recentemente adquirido polo Concello de Vigo, dará resposta a unha «demanda histórica da cidade». Nunha visita ao espazo no que se instalará esta nova dotación cultural o concelleiro afirmou que o Centro Galego de Fotografía albergará a colección do Arquivo Pacheco, así como os fondos das diferentes Fotobienais celebradas en Vigo e outra coleccións que se irán adquirindo.

«Vigo foi unha referenza internacional durante moitos anos no ámbito da fotografía, polo que dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura consideramos fundamental que teña un espazo no que mostrar as riquezas fotográficas», explicou Santi Domínguez. Afirmou que as novas instalacións contarán con 940 metros cadrados, que pertencen a un inmoble adquirido ao Consorcio do Casco Vello, en cuxa adquisición se investiron arredor dun millón de euros, e a outra edificación máis pequena que xa era propiedade do Concello.

Santi Domínguez sinalou que na actualidade se está preparando o proxecto arquitectónico para rehabilitar o edifico. «Grazas á emenda presentada pola deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, conseguimos un millón de euros do Estado para axudar ao financiamento desta obra«, destacou ao respecto. Segundo as previsións que apuntou o tenente de alcalde, a licitación das obras producirase a mediados do 2010 co obxectivo de que no 2011 o Centro Galego de Fotografía» sexa unha realidade a súa posta en marcha», dixo.

O futuro Centro Galego de Fotografía albergará o Arquivo Pacheco, «que por fin terá un espazo digno», salientou Santi Domínguez, así como o fondos das diversas Fotobienais que se celebraron na cidade, «nos que hai obras dos fotógrafos máis importantes do mundo», afirmou. Neste sentido adiantou que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura están «en conversas» para adquirir outros arquivos fotográficos relacionados con Vigo e Galiza. Respecto á colección Llanos, e en resposta aos medios, o nacionalista reiterou que a Tenencia de Alcaldía «sempre quixo tela en Vigo», polo que se lle fixo unha «oferta xenerosa, pero á que nunca tivemos contestación».

O Centro Galego de Fotografía contará con salas de exposicións, fototeca, unha sala multiusus, zonas administrativas e almacéns. Reservarase tamén un espazo de 200 metros cadrados para habilitar unha zona adicada á restauración e documentación dos fondos pictóricos e escultóricos da pinacoteca da cidade.

Esta actuación supón, segundo o tenente de alcalde, un paso máis na recuperación do Casco Vello, e lembrou, neste sentido, que na rúa Eduardo Chao se fixo o ano pasado unha remodelación «nunha zona que estaba degradada». Ao seu xuízo, a nova actuación afonda no dinamismo que se quere transmitir ao Casco Vello. O futuro Centro Galego de Fotografía e a nova pinacoteca servirán para «poñer á cidade na vangarda artística de Galiza e o estado español», asegurou tras a visita, na que tamén participaron os concelleiros de Cultura, Xesus López, e Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez.

También te puede interesar