Vigo al minuto

Xa podes mercar regalos ‘De boa man’ en Príncipe

Inauguración de De Boa Man.
Inauguración de De Boa Man.

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este martes que dende o seu departamento se está a buscar un espazo no que De Boa Man poida expoñer os seus produtos durante todo o ano e ter a oportunidade de vendelos ao público. A edil nacionalista afirmouno na inauguración da carpa que tradicionalmente se instala nestas datas na rúa do Príncipe, e onde fixo un chamento á cidadanía para que apoie esta iniciativa ao mercar os agasallos navideños.

María Méndez explicou que De Boa Man é froito da colaboración entre a Concellería de Benestar Social e diversas entidades sociais que traballan no campo da discapacidade, como Alento, Apamp, Aspanaex, Aspavi, Cogami, Doa, Menela e San Rafael. Asemade, lembrou que na carpa estas entidades venden os produtos que realizan ao longo do ano, polo que darlle continuidade a esta iniciativa “redundaría na integración laboral das persoas con discapacidade”.

Segundo a concelleira de Benestar Social, é preciso afondar no obxectivo da integración, polo que felicitou á organización da campaña. No seu chamamento á colaboración dos vigueses e viguesas asegurou que a calidade está presente en todos os artigos de artesanía expostos para a súa venda, dende a cerámica, a madeira ou o coiro, ata os xoguetes, os cadros e a bisutería. “De boa man amosa a capacidade destas persoas para desenvolver un traballo”.

También te puede interesar