Vigo al día

Vigo é a cidade galega que máis citas ao médico pide por Internet

A cita por Internet consolídase
A cita por Internet consolídase

Un total de 1.573.421 citas médicas foron tramitadas a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) durante os once primeiros meses deste ano (xaneiro a novembro incluídos). Concretamente, en Vigo solicitáronse 388.718 citas, o que consolida o sistema, xa que mes a mes foise incrementando: de 34.823 en xaneiro a 41.747 en novembro.

Cada día son máis os cidadáns galegos que solicitan unha cita co seu médico de  Atención Primaria a través desta ferramenta informática e, de feito, as citas xestionadas polo departamento que dirixe Pilar Farjas Abadía aumentaron en máis de 500.000, comparando co mesmo período do ano anterior, ao pasar das 1.065.180 dos once primeiros meses de 2008 ás 1.573.421 anteriormente sinaladas.

Segundo as áreas sanitarias, dende a de Vigo se realizaron máis de 388.000 solicitudes  nestes primeiros once meses, seguida da de Coruña con máis de 269.000. A continuación situouse Santiago, con preto de 246.000; Pontevedra, con máis de 213.000; Ourense, con preto de 175.000; Lugo, con máis de 168.000; e Ferrol, con máis de 113.000.

No que atinxe aos meses do presente ano, o de novembro é no que máis citas se pediron a través da web, concretamente as peticións superaron as 162.000; seguido de outubro con máis de 157.000; marzo, con máis de 152.000; abril, con preto de 149.000; e xuño, con máis de 145.000. O meses nos que menos citas se pediron foron agosto, con máis de 115.000, e febreiro, con preto de 132.000.

Galicia, pioneira no conxunto do Estado

A petición de cita previa médica para acudir ao centro de saúde iniciouse en novembro de 2001. Con esta iniciativa, pioneira en España, a Consellería de Sanidade perseguía o obxectivo de facilitar aos cidadáns as interacción e relacións coa Administración sanitaria.

Dende o seu inicio, o Servizo Galego de Saúde garantiu que todas as transacións efectuadas mediante este procedemento nas que interveñen datos de carácter persoal son feitas coas máximas garantías de seguridade.

Para realizar a solicitude de cita previa a través de Internet, os cidadáns deben entrar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) e dirixirse ao apartado de Cita de Atención Primaria, onde o paciente debe introducir os datos da súa tarxeta sanitaria e seleccionar as modalidades de cita que desexe. Tamén existe a posibilidade de consultar citas pendentes, así como anular ou cambiar calquera delas.

Ademais, a través da páxina www.sergas.es ofrécese un amplo catálogo de servizos, entre os que se inclúe a petición de cita previa, pero tamén outros como cambiar de médico, ou realizar trámites de tarxeta sanitaria. Tamén se pode coñecer o abano de facultativos dispoñibles e os lugares e horarios de consulta de cada un dos centros de saúde.

También te puede interesar