Galicia

Máis de cen persoas vulnerables utilizan o dispositivo GPS ‘Acompáñote´

O dispositivo é moi útil no caso dos anciáns
O dispositivo é moi útil no caso dos anciáns

Máis de cen anciáns, menores ou persoas con discapacidade utilizan xa o servizo ‘Acompáñote’, un programa de localización e control voluntario de persoas en situación de especial vulnerabilidade.

A iniciativa, que financia a Consellería de Traballo e Benestar e xestiona Cruz Vermella, consiste en por a disposición dos coidadores familiares de persoas dependentes ou fráxiles que residen nos seus propios domicilios un pequeno equipo que integra un teléfono móbil con tecnoloxía GSM e un módulo de localización xeográfica vía satélite (GPS) cun centro de control dende o que é posible recuperar a posición exacta de calquera dos equipos. Desta maneira, este dispositivo permite aos coidadores da persoa coñecer en todo momento onde se atopa o seu familiar.

A plataforma tecnolóxica pode incorporar, ademais, naqueles casos que as condicións persoais do usuario así o requiran, a utilización duns detectores de movemento, control de temperatura ambiental e sensores de verticalidade, que teñen como función transmitir avisos de inactividade ou caídas por diversas zonas da casa con fin de poder detectar tamén posibles accidentes no ámbito doméstico.

O obxectivo principal do programa é facilitar a saída do domicilio de persoas con circunstancias persoais que aconsellen o seu control permanente ou que poidan sufrir episodios de desorientación temporal e/ou espacial. Desta forma, increméntase a mobilidade e seguridade destas persoas e se contribúe á tranquilidade das súas familias e coidadores.

Os beneficiarios de ‘Acompáñote’ poden ser todas aquelas persoas maiores, menores ou con discapacidade que debido ás súas condicións de saúde ou limitacións persoais se atopen nunha situación de especial fraxilidade ou vulnerabilidade e teñan residencia efectiva en Galicia.

Para solicitar o servizo que ofrece Traballo e Benestar basta con cubrir un impreso, presentar un informe médico e unha fotocopia compulsada do DNI e da persoa que o represente se procede e no caso de que o demandante sexa menor de idade unha fotocopia compulsada do libro de familia.

A documentación requirida pode presentarse nos propios servizos centrais da Consellería de Traballo e Benestar, na Dirección Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal (no Servizo de Programas de Promoción da Autonomía Persoal en San Caetano), nos servizos sociais comunitarios e nos centros sociocomunitarios e residencias de persoas maiores e centros para persoas con discapacidade dependentes da Xunta.

O prazo de presentación das solicitudes pódese desenvolver durante todo o ano. Unha vez concedido o servizo, é Cruz Vermella o organismo que informa aos novos usuarios da data prevista para a instalación do equipo. Así mesmo, técnicos da entidade social ensinan aos beneficiarios do programa a utilizar o dispositivo e as normas para o seu mantemento.

Os usuarios, ou no seu caso os titores, representantes legais ou gardadores de feito, contribúen ao financiamento do servizo de localización.

Tres tipos de alerta

O dispositivo localizador envía unha serie de alertas en tres casos diferentes: cando o usuario sae da súa ‘zona segura’, por exemplo no caso de que se afaste máis de 1.000 metros do seu domicilio, cando así se estableza previamente; cando a persoa que leva o localizador se caia; e, por último, cando o usuario permanece sen moverse durante un tempo que se considere oportuno, en función das súas circunstancias persoais.

Nestes circunstancias, o centro de control ponse en contacto cun familiar para avisarlle do ocorrido. Entón, lle indica o lugar onde está o usuario do localizador. Cando o familiar desexa atopalo o único que debe facer é chamar ao centro de control do servizo e axiña facilítaselle os datos necesarios para localizalo, podendo, ademais, escoitar o que sucede ao seu arredor.

También te puede interesar