Galicia

Máis de cen mozos de Galicia e Portugal aprenden a montar unha empresa

Os 120 mozos aprenderán os pilares para montar unha empresa ou asociación
Os 120 mozos aprenderán os pilares para montar unha empresa ou asociación

Un total de 120 mozos e mozas de Galicia e do norte de Portugal participaron hoxe nunha xornada práctica de creación de empresas e asociacións que se está a desenvolver en Chaves (Portugal). Esta actividade está organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, en colaboración co Instituto Português da Juventude (IPJ).

O responsable desta área da Consellería de Traballo e Benestar, Ovidio Rodeiro, acudiu hoxe a este evento, que se inscribe no proxecto “Espazo Xuvenil”, aprobado no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal.

En concreto, a xornada que tivo lugar en Chaves ten como obxectivo proporcionar unha formación adicional aos mozos e mozas que a precisan, e facilitarlles unha serie de ferramentas de cara á participación en programas europeos e para dar os primeiros pasos para a creación dunha empresa.

Así, ao longo da actividade, presentaranse casos de éxito e exemplos de boas prácticas na posta en marcha de empresas e asociacións. Para iso, tomarán parte na xornada os mesmos responsables das entidades, como ASPAS, IGAPE, Asociación Española de Coaching ou R Telecomunicacións. Nas súas intervencións, irán mostrando aos participantes os procedementos a seguir para a posta en marcha de proxectos e iniciativas.

Espazo Xuvenil

A xornada celebrada hoxe diríxese tamén a acadar os obxectivos marcados no proxecto Espazo Xuvenil: promover o espírito emprendedor da xuventude galego-portuguesa e fomentar a cooperación institucional en materia de políticas de Xuventude.

O fin último é  que os mozos e mozas podan quedar a vivir e traballar na zona transfronteiriza galego-portuguesa.

Como exemplo, a través deste programa, medio cento de mozos e mozas formáronse como monitores de tempo libre para poder traballar a ambos lados da fronteira.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizou o pasado mes de novembro en diferentes puntos de Galicia unhas xornadas para fomentar o espírito empresarial.

Ademais, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, ten anunciado que todas estas actividades complementaranse ao longo de 2010 con iniciativas de aprendizaxe específica a través da concesión de bolsas e premios para a creación de empresas e para prácticas nas mesmas. De feito, os alumnos que participen nas xornadas terán prioridade á hora de acceder ás bolsas e premios.

También te puede interesar