Comarcas Vigo al minuto

O Val Miñor celebrará Fin de Ano co ramal que permitirá circunvalar Baiona sen peaxe

Con motivo das obras de mellora da funcionalidade da Autoestrada do Val Miñor (AG-57), concretamente a construción do novo ramal no enlace de Sabarís, a Xunta comunica que dito enlace permanecerá pechado dende mañá mércores, día 9 de decembro, a partires das 8 horas, ata o venres día 11 ás 13,30 horas. A Xunta solicitou á concesionaria a máxima celeridade na execución destes traballos, coa intención de que o enlace poida poñerse en servizo incluso antes do venres para causar as menores afeccións aos usuarios. O corte estará debidamente sinalizado, así como os desvíos que será necesario realizar.

As obras que se están a levar a cabo supoñen o remate do novo ramal do enlace de Sabarís, que permitirá circunvalar Baiona sen peaxe. As previsións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura son que a nova infraestrutura se poña en servizo antes do Nadal, nunha data que será anunciada debidamente para o coñecemento dos cidadáns.

A Xunta de Galicia está a investir 24,5 millóns de euros nos novos ramais de enlace da Autoestrada do Val Miñor, dos cales 4,3 millóns corresponden ao ramal de Sabarís; 6,4 millóns de euros ao acceso a Porto do Molle; 7,4 millóns de euros ao enlace de Nigrán; e 6,4 millóns de euros ao enlace da Ramallosa.

O novo ramal do enlace de Sabarís será a primeira mellora que se porá en servizo para incrementar a funcionalidade da AG-57. O proxecto a piques de rematarse suporá un novo vial de 1,5 quilómetros, a mellora da capa de rodadura de outros dous ramais do enlace, así como a construción dun viaduto e dun paso inferior. O resto dos enlaces en execución iranse poñendo en servizo ata mediados do vindeiro ano.

También te puede interesar