Cultura Vigo al minuto

Arranca ArtFutura no Marco co Experimento MP3

Unha das creacións que se poderá ver en ArtFutura
Unha das creacións que se poderá ver en ArtFutura

Hoxe comeza no MARCO o programa audiovisual de ArtFutura, que neste ano 2009 celebra a súa vixésima edición. Vinte anos de existencia, nos que a evolución de ArtFutura discorreu en paralelo á evolución da cultura dixital e á implantación das novas tecnoloxías en todos os ámbitos. Dende o soño da Realidade Virtual á explosión de Internet e a presente era das Redes Sociais, o festival foi un espazo de especulación constante sobre o papel da tecnoloxía na sociedade, a cultura e a arte. Dende que, en xaneiro de 1990, ArtFutura presentase a Realidade Virtual por primeira vez en España, o festival foi reinventándose constantemente e introducindo temas como a Realidade Aumentada, as Comunidades Virtuais, Internet como Cyborg, a Arte Colectiva, a Vida Artificial ou a Estética de Datos.

Este especial aniversario ten o seu reflexo nun programa audiovisual moi atractivo, que explora os novos tipos de creatividade relacionados coas redes sociais como Facebook e YouTube. Un exemplo é o grupo Improv Everywhere, que conta con máis de 72.000 amigos en Facebook; os seus vídeos foron vistos en YouTube máis de 70 millóns de veces.

Agora, en colaboración con ArtFutura 2009, Improv Everywhere presenta unha ‘misión’ por primeira vez en España, o ‘EXPERIMENTO MP3’, que terá lugar hoxe en catro cidades simultaneamente: Vigo, Madrid, Barcelona e Murcia.

También te puede interesar