Ciencia y Tecnología Galicia

Investigadores vigueses deseñan un novo sensor vital na detección precoz de Alzheimer e Parkinson

O investigador Ramón Álvarez Puebla.
O investigador Ramón Álvarez Puebla.

Duvi/ Determinar a presenza de proteínas infecciosas chamadas prións no sangue antes dos primeiros síntomas, un avance que permitirá, cunha simple analítica sanguínea, detectar enfermidades como o mal das vacas tolas ou a de Creutzfeldt-Jakob en humanos. Esta é a principal aplicación dun novo sensor óptico desenvolto por un equipo de investigadores do grupo de Química Coloidal en colaboración con científicos das universidades de Michigan e Rice en Estados Unidos.

O sistema, baseado nunha estrutura cristalina de nanopartículas de ouro, é froito dun proxecto de investigación cuxos resultados acaba de publicar a revista Proceedings da Academia Nacional de Estados Unidos (PNAS) nun artigo no que se destaca o deseño dun supercristal capaz de actuar coma unha “nanoantena” que identifica a “pegada dactilar” dunha molécula. “Os prións son proteínas infecciosas que teñen alterada a súa estrutura secundaria e o sensor que agora presentamos o que fai é detectar ata un total de 10 prións por cada litro de sangue”, subliña o investigador Ramón Álvarez Puebla, que coordinou o estudo dende o grupo de investigación en Química Coloidal, unidade asociada do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na Universidade de Vigo.

O método consiste en mergullar o supercristal cun sensor óptico nunha mostra de plasma ou sangue centrifugada. Logo o sensor xera un campo eléctrico extremadamente alto na superficie de cristal, “e isto fai que obteñamos a sinal que rebota nos prións de forma ampliada e, deste xeito, é doado cuantificar a súa presenza”, explicou o autor.

Adeus vacas tolas, Alzheimer e Párkinson

Entre as aplicacións directas do novo sensor, os autores do estudo destacan a análise “eficiente e regular” do gando bovino e ovino, vulnerable a enfermidades de orixe priónico como o coñecido mal das vacas tolas. Este feito muda radicalmente o panorama actual, no que só mediante un análise post mórtem se pode confirmar se un animal está ou non afectado e, caso de resultar positivo, suporía, por motivos de seguridade, o sacrificio de todos os animais da explotación, aínda sen saber se estaban ou non afectados.

Ao mal das vacas tolas habería que engadir tamén o seu homólogo en humanos, a enfermidade de Creutzfeldt-JaKob, outra patoloxía neurodexenerativa causada polos prións con carácter transmisible e evolución clínica fatal.

“Hoxe sabemos que o Alzheimer e o Párkinson comparten tamén orixe priónico”, apunta Álvarez Puebla, ao tempo que explica que, a partir do sistema desenvolto, poderían deseñarse métodos de diagnose temperá para estas enfermidades, ao igual que para outras que teñan a mesma orixe. “Isto suporía todo un avance xa que permitiría detectar a enfermidade antes de que aparezan síntomas”, indica o investigador que, á pregunta de si pensaron xa en patentar o sensor, responde “de momento non tivemos tempo, pero é un proceso que si iniciaremos, pois é a mellor vía para que poidan acceder a el as empresas interesadas”.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.